CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Tres documentais en que participa a TVG exhibiranse na MICE, a 16.ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico

04/04/2021

Entre pastores e lobos e a A poeta analfabeta competirán na sección oficial, e Negro púrpura será a película inaugural

Organizado polo Museo do Pobo Galego, o certame celebrarase do 6 ao 10 de abril en Santiago de Compostela

Tres documentais en que participa a TVG exhibiranse na MICE, a 16.ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico

Santiago, 04.04.2021.-    Tres documentais apoiados pola Televisión de Galicia, Entre lobos e pastores, A poeta analfabeta e Negro púrpura, participarán a semana que vén na MICE, a 16.ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, organizada polo Museo do Pobo Galego, que se celebrará do 6 ao 10 de abril en Santiago de Compostela.

Na sección oficial competirá Entre pastores e lobos, de Ibis Audiovisual, un documental dirixido por Manuel Pedrosa que supón un percorrido pola memoria para achegar o espectador á natureza salvaxe e asomalo á complexidade dos ciclos naturais das montañas. Presenta a investigación de Pedro Alonso, un biólogo experto no estudo do lobo ibérico, que leva máis de 30 anos tras a súa pegada intentando comprendelo, acumulando ás súas costas milleiros de quilómetros percorridos por camiños e pistas dos montes de Galicia. Esta película, que se rodou durante cinco anos no Macizo Central, tivo a súa premiere na 27 edición do Suncine Environmental Film Festival de Barcelona en novembro de 2020. Alí obtivo dous galardóns: o premio do público e o premio Cine Sostible.

Tamén se exhibirá na sección oficial A poeta analfabeta, un filme documental, dirixido por Sonia Méndez, que retrata unha muller fascinante: Luz Fandiño, poeta, activista, feminista, nacionalista e revolucionaria. Aos seus 89 anos, Luz é testemuña viva das realidades máis duras do século XX, por ser muller, por ser emigrante, por ser pobre e pola súa ideoloxía. Luz é unha muller brava, unha persoa fondamente política e un ser cunha humanidade excepcional. A poeta analfabeta explica como entende o mundo esta poeta que, a pesar do tremor das mans, escribe todos os días, que a move a tal esforzo e que a mantén viva.

A película inaugural da MICE, fóra da competición oficial, será Negro púrpura, que retrata a Galicia do século XX a través do cláviceps purpúrea, un fungo alucinóxeno que agroma nos cereais e que abre as portas a unha historia tan curiosa, sorprendente e descoñecida como importante no devir da nosa cultura e da economía dunha época. Este documental, dirixido por Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, viaxa no tempo para contar a historia deste fungo que ten tanto de fascinante coma de real e que acontece na dualidade de mundos contrapostos: a vida e a morte, a sabedoría popular e a ciencia, a economía de subsistencia e a industria internacional, a relixión e a psicodelia.

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico naceu en 2006 e deseñouse como un evento do Museo do Pobo Galego para dar a coñecer os traballos audiovisuais relacionados coa etnografía e a antropoloxía, disciplinas científicas en que se enmarca o traballo do Museo. A MICE, que este ano ofrece unha edición mixta, con varios dos contidos dispoñibles en presencial e en liña, pretende xerar un espazo de diálogo, de reflexión e de intercambio arredor da confluencia entre a antropoloxía social e cultural e a teoría e a práctica cinematográfica.