CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Todas as emisoras da Radio Galega, dispoñibles nos altofalantes intelixentes Alexa a través de Radioplayer

28/04/2020

A oferta da RG xa era accesible con estes dispositivos, pero agora súmanse tamén Radio Galega Música, Son Galicia Radio e Radio Picariña

Todas as emisoras da Radio Galega, dispoñibles nos altofalantes intelixentes Alexa a través de Radioplayer

Santiago, 28.04.2020.-    Toda a oferta da Radio Galega, incluída desde agora Radio Galega Música, Son Galicia Radio e Radio Picariña, está xa dispoñible en Alexa, os altofalantes intelixentes de Amazon. Radioplayer España, aplicación gratuíta con toda a oferta radiofónica española, acaba de anunciar a integración do seu servizo nestes dispositivos, que permiten, a través dun asistente de voz, acceder ás emisoras favoritas dun xeito cómodo e sinxelo.

Xa era posible escoitar a programación da Radio Galega a través de Alexa desde o mes de xaneiro, cando a radio pública de Galicia deu os primeiros pasos na súa distribución a través dos medios propiamente dixitais, e agora, con esta iniciativa de Radioplayer, os oíntes tamén poderán acceder en directo e á carta ao resto das súas emisoras.

Para escoitalas nestes dispositivos, é necesario habilitar primeiro a aplicación de voz para Alexa, dicindo "Alexa, habilita Radioplayer España". A partir dese momento, só haberá que dicir "Alexa, abre Radioplayer" ou "Alexa, pide a Radioplayer Radio Galega".
           
Con este lanzamento, Radioplayer España avanza no seu obxectivo de facilitar e promover a escoita de radio en dispositivos conectados. Os altofalantes intelixentes están a incrementar a súa presenza nos fogares españois e son unha boa alternativa para a escoita de radio na casa, nun momento en que, ante a difícil situación que estamos a vivir, a radio serve de punto de conexións de millón de persoas e xoga un papel crítico na sociedade, con información rigorosa en todo momento, música e entretemento.
 
Avalado polos líderes do sector radiofónico, Radioplayer é o sitio da radio española que ofrece centos de emisoras en directo, milleiros de programas á carta e podcasts, a través das aplicacións de iOS e Android, na web www.radioplayerespaña.es e agora tamén en Alexa. Radioplayer España forma parte da familia Radiplayer Worldwide, unha organización sen ánimo de lucro creada e xestionada por radiodifusores, presente en Alemaña, Austria, Bélxica, Canadá, Dinamarca, España, Irlanda, Italia, Noruega, O Perú, Reino Unido e Suíza.