CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Temporada final de 'Serramoura' na TVG, que regresa esta noite coa emoción das súas tramas no cumio

13/09/2020

Ao mesmo tempo que Emilia volve a Serramoura, chega á vila a xuíza Tania Crespo para obter datos sobre ela

No regreso da serie, os espectadores tamén verán como Tomás lle ofrece a Roi un traballo como asesor externo do cuartel

Temporada final de 'Serramoura' na TVG, que regresa esta noite coa emoción das súas tramas no cumio

Santiago, 13.09.2020.-  O ‘thriller’ máis inquietante da televisión, ‘Serramoura’ (22.35 h), regresa esta noite á Televisión de Galicia. A tensión está servida en cada unha das entregas desta serie que transcorre nunha localidade do rural galego e que chega á súa temporada final coa emoción das súas tramas no punto máis crítico.

Esta noite, a xuíza Tania Crespo está de volta en ‘Serramoura’, que este domingo comeza unha nova temporada na Televisión de Galicia, para investigar unha perigosa banda criminal. O seu principal obxectivo é entrevistarse con Santos para obter datos sobre unha das integrantes da banda: Emilia.

Ao mesmo tempo, Emilia volve á vila para pedirlle axuda a Santos. Está escapando do xefe da organización e necesita agocharse durante un tempo. Accederá Santos a axudala?

Mentres tanto, Tomás aproveita a boa disposición de Roi para ofrecerlle un traballo como asesor externo do cuartel. A súa función é revisar casos non resoltos, algo que Roi non acolle con moito entusiasmo ata que atopa un expediente que chama a súa atención.