CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Televisión de Galicia pecha 2022 no 10,5 %, o mellor dato desde 2013

02/01/2023

Os espazos informativos lideran cunha audiencia total de 2.412.000 telespectadores, o 92,3 % dos galegos de 4 e máis anos

O último mes do ano, cun 12 %, foi o mellor decembro desde 2012

Os galegos elixen a TVG para despedir o ano: foi líder o día 31 cunha cota do 15 % e subiu ata o 23,9% no ‘Especial Fin de Ano’

Televisión de Galicia pecha 2022 no 10,5 %, o mellor dato desde 2013

Santiago, 02.01.2023.-    A Televisión de Galicia pechou 2022 cunha cota media do 10,5 %, o mellor dato desde o ano 2013, segundo os datos de Kantar Media feitos públicos neste inicio de 2023. E no prime time, a franxa de máis consumo do día, TVG acada un 11,1 %, dato superior tamén ao dos cinco anos precedentes. Nun contorno de máxima competencia e fragmentación das audiencias, a Galega celebra o incremento constante de audiencia grazas ao respaldo da cidadanía á programación, tanto de informativos como de entretemento.

Líderes en informativos

Os informativos máis vistos do ano en ámbito Galicia foron os da TVG. Estes espazos acadaron unha audiencia total no ano de 2.412.000 telespectadores, o 92,3 % dos galegos de 4 e máis anos. Medraron todos os informativos sendo a franxa do mediodía a de máximo consumo co ‘Galicia Noticias’ e o ‘Telexornal Mediodía’, este último pecha 2022 cun 19,3 % de audiencia media de luns a venres, e hai que salientar o notable crecemento dos matinais ‘Bos Días’ (cun aumento do 47,6%) e ‘A Revista’ (que medra un 16,3%).

No entretemento, o prime time da Galega destaca de entre o resto de ofertas. Neste punto, cun 11,1 %, a TVG acada a cota de pantalla anual máis alta dos últimos cinco anos, desde 2017.

Líder tamén en Nadal e Fin de Ano

Os galegos elixiron a súa canle para despedir 2022. A TVG foi líder en Galicia o día de Fin de Ano cunha cota do 15 %. A seguinte canle na xornada foi La1, seguida de Antena 3. A Galega repetiu o liderado na franxa do prime time, cunha cota de pantalla do 20,6 %. O ‘Especial Fin de Ano’ chegou a unha cota do 23,9 %.

A TVG está sendo a canle máis vista en Galicia nas festas de Nadal. A programación deseñada para despedir o ano, con especiais dos programas máis queridos polos espectadores, como ‘Atrápame se podes. Edición Nadal’ ou ‘Land Rober Tunai Show’, así como ‘Juan Pardo, o sucesor’, entre outros, obtivo o apoio dos espectadores, cunha cota media do 17 % o 25 de decembro, por diante de Antena 3, La 1 e Telecinco.