CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Televisión de Galicia estrea o xoves a película 'Sicixia', rodada na Costa da Morte

15/05/2019

En 2017 recibiu o premio á mellor película estranxeira no Worldfest de Houston (EUA)

O filme, dirixido por Ignacio Vilar, é unha historia de amor que invita a descubrir a Costa da Morte galega

Televisión de Galicia estrea o xoves a película 'Sicixia', rodada na Costa da Morte

Santiago, 15.05.2019.-  O xoves pola noite a TVG estrea ‘Sicixia’, un filme participado pola Televisión de Galicia que conta historia de amor entre unha guía local da Costa da Morte e un técnico que se achega ao lugar para gravar sons. A ficción e a realidade confúndense nesta longametraxe, que en 2017 recibiu o premio á mellor película estranxeira no Worldfest de Houston (EUA), un dos festivais de cine independente máis prestixiosos do mundo.

Monti Castiñeiras e Marta Lado interpretan a Xiao e Olalla, aínda que “a xente da Costa da Morte é a protagonista desta película”, segundo afirmou no programa da TVG ‘A revista’ o director do filme Ignacio Vilar (‘A esmorga’, ‘Pradolongo’). Ademais do galardón obtido en Houston, ‘Sicixia’, da produtora Vía Láctea, foi recoñecida no Festival Cinespaña de Toulouse (Francia), onde Marta Lado recibiu o premio á mellor interpretación feminina.

‘Sicixia’ fora estreada en cines o 25 de novembro de 2016, coincidindo co Día Internacional contra a Violencia Machista, e foi unha das poucas cintas clasificadas ese ano polo Ministerio de Cultura como “especialmente recomendada para a igualdade de xénero".

Mañá ás 00:20 h da noite, os espectadores poderán ver esta película que, segundo o seu director, leva a “mergullarse de cheo na Costa da Morte” e nos seus sons.