CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Televisión de Galicia e Zenit TV presentaron “Concepción Arenal, a visitadora de cárceres” en Ferrol

03/10/2012

 

A directora da TVG, Rosa Vilas, sinalou que esta tv-movie é “un proxecto de mulleres con valores moi universais” 

 

A película relata a vida da legalista, escritora e feminista ferrolá, interpretada pola actriz Blanca Portillo

 

Televisión de Galicia e Zenit TV presentaron “Concepción Arenal, a visitadora de cárceres” en Ferrol

 

Santiago, 03.10.2012.- Televisión de Galicia e Zenit Televisión presentaron este mediodía no IES Concepción Arenal de Ferrol a película “Concepción Arenal, a visitadora de cárceres”. O acto contou coa participación da directora da TVG, Rosa Vilas; da directora de Zenit TV e produtora executiva da tv-movie, Zaza Ceballos, e das actrices Paula Carballeira e Isabel Naveira. Tamén estiveron presentes os alumnos do centro, que participaron dun coloquio animado no treito final do acto despois dunha breve mostra dalgúns fragmentos da película.

Durante a súa intervención, Rosa Vilas apuntou sobre a figura de Concepción Arenal que “é unha muller non moi coñecida e a televisión, como servizo público, tiña a obriga de rescatala” e, engadiu sobre a película, que se trata dun “proxecto de mulleres con valores moi universais”. 

Pola súa parte, a produtora executiva incidiu en que “un personaxe cos valores de Concepción Arenal precisaba ter unha película”. Zaza Ceballos sinalou que esta tv-movie forma parte dunha triloxía sobre tres mulleres galegas substanciais para o século XIX, xa iniciada coa película de Pardo Bazán e que se completará coa próxima produción sobre Rosalía de Castro. 

As actrices Paula Carballeira e Isabel Naveira dixeron sentirse moi a gusto no seu papel e animaron aos asistentes a ver a película.  

A preestrea de “A visitadora de cárceres”, baseada no tempo en que a legalista foi visitadora de cárceres de mulleres na Coruña, terá lugar hoxe ás 20.30h no Teatro Jofre, con entrada de balde ata completar aforo. 

En vindeiras datas, “Concepción Arenal, a visitadora de cárceres” terá a súa estrea na Televisión de Galicia, así como en Televisió de Catalunya e Canal Sur, para posteriormente saltar ás pantallas de ámbito nacional coa súa emisión en Televisión Española. Ademais de amosala en mercados e festivais europeos, Filmax encargarase da súa distribución internacional.

Elenco e rodaxe

A película, dirixida por Laura Mañá, con produción executiva de Zaza Ceballos e Miriam Porté, forma parte da colección de biografías de mulleres que TVG e Zenit TV comezaron con Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde e que ten previsto continuar coa biografía de Rosalía de Castro.

Acompañan a Blanca Portillo, a ferrolá Mabel Rivera, que interpreta a Juana de Vega e Pere Arquillué, que encarna a Garrido, o alcaide da prisión. Con eles participan Xosé Barato, como o músico Jesús de Monasterio, Luísa Merelas, Isabel Naveira, Paula Carballeira, Patricia Vázquez, Dani Lago, Anna Casas, Diana Gómez, Óscar Rabadán, Candela Fernández, Fermí Reixach e Juanma Lara, entre un nutrido grupo de actores. 

Das localizacións destacan o Mosteiro de Santa Catalina en Ares, onde se recreou o cárcere de mulleres, e o Castelo de San Felipe de Ferrol, onde se rodaron escenas con máis de 300 figurantes e semoventes. A praia de Doniños, as Fragas do Eume, a aldea de Xavariz, o Alto da Panda nas Pontes ou a igrexa románica de Lubre tamén forman parte dos escenarios da película.

“Concepción Arenal, a visitadora de cárceres”, coproducida por Televisión de Galicia, Televisió de Catalunya e Televisión Española, está producida por Zenit Televisión e a catalá Distinto Films.  recibiu a colaboración da AGADIC e o apoio do ICAA, da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, do ICEC e do Instituto de la Mujer.  Así mesmo, o Concello de Ferrol colaborou durante a rodaxe, que tivo lugar o pasado mes de febreiro.

Unha figura histórica digna de ser recuperada

Nada nunha modesta casa do Ferrol Vello, Concepción era  filla de Mª Concepción de Ponte e Tenreiro e de Ángel del Arenal, eminente militar liberal que sufriu moitas veces a represión absolutista e morreu a causa dos continuos encarceramentos. A figura do pai marcouna profundamente ao longo de toda a súa vida e na súa loita contra a inxustiza.

“Odia o delito e compadece o delincuente”

Esta cita de Concepción Arenal permaneceu gravada durante anos de xeito obrigatorio nos cárceres españois. A obra social e ensaística desta avogada, activista e precursora do feminismo marcou un antes e un despois no sistema penal español e obtivo un enorme eco na Europa do XIX. A súa loita en prol dos dereitos humanos logrou cambiar a perspectiva da sociedade sobre os máis desfavorecidos e mellorar as súas duras condicións de vida.

Sinopse 

En pleno século XIX, nun mundo onde as execucións eran un espectáculo público e os presidiarios carecían de todo dereito, Concepción Arenal é nomeada visitadora de cárceres na prisión da Coruña. A súa loita a favor dos dereitos humanos logrou cambiar a perspectiva da sociedade sobre os máis desfavorecidos e mellorar as súas duras condicións de vida.

Na foto superior, Zaza Ceballos, Rosa Vilas, Isabel Naveira e Paula Carballeira, hoxe na presentación de tv-movie.