CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Televisión de Galicia despide 2017 cos resultados de audiencia máis altos dos últimos catro anos

03/01/2018

No conxunto do día rexistra unha cota de pantalla de 10,4%, mentres que na faixa do ‘prime time’ esta é de 11,3%

Excluíndo á programación deportiva, o espazo máis visto en Galicia é da TVG, o 'Land Rober Tunai Show', cun 33,8% de 'share'

Televisión de Galicia despide 2017 cos resultados de audiencia máis altos dos últimos catro anos

Santiago, 03.01.2018.-  Televisión de Galicia pechou 2017 continuando coa súa tendencia á alza no que se refire ao rexistro das audiencias. Cunha cota de 10,4% no conxunto do día e de 11,3% no 'prime time', acadou os resultados máis elevados dos últimos catro anos. Estes datos reflicten que a TVG foi a canle que máis medrou e a única das televisións xeralistas, xunto con La1, que mellorou as cifras de audiencia con respecto ao ano anterior.

Neste cómputo anual, cómpre salientar que o espazo máis visto entre todas as canles que se poden ver en Galicia, excluíndo a programación deportiva, foi o 'Land Rober Tunai Show' da Televisión de Galicia, que obtivo un sobresaínte 33,8% de cota de pantalla.

Os datos acumulados da TVG en 2017 tamén resultan favorables na comparativa coas restantes canles autonómicas, ao superar en 2,8 puntos a cota da FORTA (7,6%) no conxunto do día e en 3,7 puntos no ‘prime time’ ou faixa máis importante do día.  

Na foto superior, Julio Iglesias e Roberto Vilar, presentador do 'Land Rober Tunai Show', nun momento do programa máis visto do ano.