CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Televisión de Galicia desembarca nos teatros con "Malo será!"

12/07/2018

Programa de humor (22.15 h.), con público en directo, co que a TVG percorrerá este verán os grandes escenarios galegos

Televisión de Galicia desembarca nos teatros con "Malo será!"

Santiago, 12.07.2018.-  Televisión de Galicia estrea esta noite unha nova aposta pola comedia e o enxeño con “Malo será!”. Este novo formato da TVG é toda unha homenaxe ao humor en directo, en que teatro e televisión fúndense en hora e media de ocorrencias en que pode pasar absolutamente de todo.

Sete actrices e actores da TVG, acompañados de convidados e moitas sorpresas, saen de xira polos teatros de Galicia para facer un espectáculo de sketchs cómicos sobre temas universais que será gravado e emitido ao longo do verán, cada xoves, desde hoxe. Con Lucía Regueiro como presentadora, “Malo será!” contará ademais con nomes por todos coñecidos: Federico Pérez, Marcos Pereiro, Isabel Blanco, Lucía Veiga, Oswaldo Digón, Sabela Hermida, e coa participación como convidados, en diferentes programas, de Touriñán, Manuel Manquiña, Eva Iglesias ou Víctor Fábregas, entre outros moitos.

A esta viaxe de teatro en teatro súmase tamén unha banda de música en directo e unha vistosa escenografía que completa os argumentos dunha oportunidade única para achegar a televisión e o humor televisivo a todos os puntos do país.

O caderno de viaxe desta tropa de cómicos á que acompaña toda a infraestrutura que rodea á televisión está xa definido e as entradas para asistir a cada función tamén están á venda. O programa gravado no Teatro Afundación de Vigo será o primeiro que poderá ver a audiencia da canle pública este xoves. Seguiranlle Verín (Auditorio Municipal, 12 de xullo), A Coruña (Ágora, 19 de xullo), Noia (Coliseo Noela, 26 de xullo), Viveiro (Teatro Pastor Díaz, 2 de agosto), A Illa de Arousa (Auditorio Municipal, 9 de agosto) e Lugo (Auditorio Gustavo Freire, 23 de agosto).

Ademais do convidado que en cada función completará o elenco de “Malo será!”, outro actor ou actriz nobel da zona onde se grave esa noite unirase ao equipo do programa para participar nalgún dos sketchs.

Desde Vigo, a estrea na TVG este xoves

Na súa estrea, “Malo será! será ofrecerá o programa gravado no Teatro Afundación de Vigo ao que se poderá asistir a través da pequena pantalla. Xosé Antonio Touriñán exerce nesta primeira función como convidado, e a actriz local Cristina Andrade completa o elenco liderado por Lucía Regueiro, a presentadora do formato.

Unha familia primitiva con problemas moi actuais, un barbeiro que, segundo a súa muller, ten problemas coa bebida, ou unha reunión en Wall Street á que asisten executivos con formas moi diferentes de ver as cousas son algunhas das situacións coas que gozarán os espectadores, nun programa composto por nove sketchs en que o humor nunca deixa de ser o gran protagonista.

Máis de 60 profesionais para esta particular ruta televisiva

Producido por Tex45 Producións para a TVG, “Malo será!” é o desembarco da Galega nos teatros das vilas e cidades do país para recoller as reaccións do público e as claves do humor feito en directo. Para que todo isto sexa posible, un equipo de máis de 60 profesionais forma a caravana que durante todo o verán percorrerá as estradas galegas para que todo funcione á perfección. Dixirido por Andrés Mahía, “Malo será!” conta con grandes profesionais no equipo, como Manel Iglesias, realizador do programa; o escenógrafo Suso Montero, ou Gabriel Albarado no deseño de iluminación.

“Malo será!” é a adaptación para Galicia do formato orixinal “En Otra Clave”, producido en Canarias por Cyrano Producciones Entretenimiento. Durante máis de 16 anos, este programa lidera as audiencias dos domingos na televisión autonómica das illas, triplicando a audiencia media da canle, o que amosa a sensacional fidelidade do público, grazas á cal os actores e actrices que conforman o elenco son auténticas estrelas.