CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Televisión de Galicia, a canle autonómica máis valorada polos seus telespectadores

13/03/2018

Un estudo presentado hoxe por FORTA di que o 90% dos galegos enquisados cre que a TVG contribúe á promoción da identidade galega

Televisión de Galicia, a canle autonómica máis valorada polos seus telespectadores

Santiago, 13.03.2018.-   A TVG é a televisión autonómica que está máis en sintonía cos trazos culturais dos seus telespectadores e da súa comunidade autónoma. Son datos do último estudo da FORTA, a unión de canles autonómicas públicas de España, que di que o 90% dos galegos enquisados cre que esta casa, a TVG, contribúe á promoción da identidade galega.

Son oito puntos máis que as seguintes nesta serie, que son a catalá e a andaluza. Os madrileños son os que menos valoran a súa canle autonómica, xa que só un 45% opinan o mesmo sobre Telemadrid.

O mesmo estudo, que se presentou hoxe, tamén di que a Galega é a televisión que máis parte da súa audiencia ve como unha empresa moderna. Pénsano un 80% dos espectadores galegos enquisados.

Este estudo, realizado pola consultora GFK a 1.100 participantes, levouse a cabo con motivo do 35 aniversario do inicio das primeiras emisións das televisións públicas autonómicas, que para o 70% dos españois son un servizo público necesario para a sociedade no seu conxunto. A enquisa revela que mesmo naquelas comunidades que non contan cunha canle autonómica propia se considera que estes medios son os que máis contribúen a difundir a realidade e a cultura local e rexional.

Para o 72,6%, as autonómicas ofrecen información interesante e próxima, mentres que para o 55% son as que atenden unha maior variedade de públicos e contidos, unha porcentaxe que chega ao 65% entre os mozos de 15 a 35 anos.