CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

"TAC", "Coma un allo" e "ADN Galego", apostas fortes da Televisión de Galicia para a temporada de outono

08/09/2017

Volven tamén programas de éxito como os agardados “Land Rober” e “Luar” e a serie “Serramoura”, con novas tramas

Froito da colaboración entre a TVG e a canle portuguesa RTP, estrearase proximamente a serie bilingüe “Camiños de Irmandade”

"TAC", "Coma un allo" e "ADN Galego", apostas fortes da Televisión de Galicia para a temporada de outono

Santiago, 08.09.2017.- A programación de outono arranca este luns na Televisión de Galicia con importantes apostas para o entretemento na faixa máis importante do día, o ‘prime time’, e cun reforzo destacado nos espazos da sobremesa. A estas novas incorporacións súmanselles buques insignia da canle pública galega, que regresan á TVG  con novidades e estreando temporada. Unha grella que se distingue pola posta en valor da mellor produción con selo galego, ben diferenciada da oferta das restantes canles.

A semana comeza forte coa mestura de emocións e tramas sentimentais que propón a serie “TAC” na faixa nocturna do luns. Esta nova ficción, que xorde a partir dos personaxes de “Urxencia Cero”, estará centrada nas complicadas e intensas vidas persoais dos membros do equipo médico do Francisco Balmis, no futuro do cirurxián Daniel Losada e no misterio que rodea a morte dun dos empregados do hospital.

Outro novo reto, “Coma un allo”, tamén definirá este luns o inicio da nova programación na TVG. A partir das 16.00 horas, os concursantes e os espectadores farán as súas contas e intentarán dar resposta a cada un dos desafíos que lles propoña a diario Bernardo Montaña, que disporá da axuda de dous sabios colaboradores, o científico e divulgador Jorge Mira e a escritora María Canosa. Este espazo vén reforzar unha sobremesa determinada polos concursos, xa que a continuación ofrecerase “Ti Verás”, onde os participantes poñen a proba os seus coñecementos na compaña de Rodrigo Vázquez. Precisamente, “Ti Verás” reaparece esta semana con nova imaxe, xa que estrea estudio de gravación.

O martes á noite, despois do regreso do programa “Larpeiros” con novos contidos gastronómicos e receitas dirixidas por Benigno Campos, chega “ADN Galego”, un novo formato para a TVG, co que a audiencia viaxará por todo o territorio español e coñecerá as historias dos galegos que viven e traballan fóra da nosa terra. O programa buscará contar ademais a pegada histórica que deixaron estes nos seus lugares de acollida, así como a repercusión social que tiveron ao longo dos anos.

“Land Rober Tunai Show” e “Serramoura” inician nova temporada

Os programas de éxito do “prime time” da Televisión de Galicia regresan todos con novos contidos, como é o caso do late-night “Land Rober Tunai Show”, un referente na televisión tamén fóra de Galicia, que engancha cada xoves os espectadores co seu sentido do humor e cun estilo moi particular á hora de entreter a xente. Dúas horas continuas de comedia en directo, con seccións dinámicas e divertidas e coa colaboración especial de convidados en cada edición, presentadas polo showman Roberto Vilar.

Os seguidores das series da Galega están de parabéns, xa que este outono volverá con novos episodios “Serramoura”, o maior éxito recente da ficción televisiva en Galicia, que promete non defraudar os seus incondicionais con novos personaxes, relacións imposibles e casos máis complicados para os seus protagonistas

Xosé Ramón Gayoso segue batendo marcas na televisión e estrea tamén o próximo venres, 15 de setembro, a vixésimo sexta temporada de “Luar”. Todo un compromiso coa música popular, as tradicións e os artistas que cantan en galego, como sinal de identidade do programa, que mantén a súa aposta pola promoción de novos talentos co concurso “Recantos”, en que participan representantes das distintas zonas de Galicia, ademais de incorporar novas seccións, como “Os Contos de Lareira”, a cargo de Celso Sanmartín, e “Ei! Carballeira”, unha achega divertida ao uso da lingua galega.

A oferta da Televisión de Galicia complétase con novas temporadas de programas consolidados na grella, como “Bamboleo”, “Casamos!” ou “Aquí Galicia”.

“Camiños de Irmandade”, nova coprodución entre a TVG e a RTP

Froito da colaboración que a CRTVG estableceu coa cadea pública portuguesa, verá a luz unha nova coprodución entre a Televisión de Galicia e a RTP o próximo domingo, 17 de setembro, “Camiños de Irmandade”. Trátase dunha serie bilingüe, en galego e portugués, en que dous peregrinos percorren o traxecto Lisboa-Fátima-Santiago. O protagonista é o actor galego Rubén Riós.