CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os nosos campións de Special Olympics Galicia visitan a CRTVG

08/08/2017

25 persoas coñeceron o funcionamento dos informativos e as instalacións dos medios públicos galegos e atrevéronse diante das cámaras

Martin Nieto Taramona, aínda en activo, participou nos primeiros xogos nacionais Special Olympics Galicia en Barcelona 92, onde acadou medalla de ouro na proba de atletismo de 400 metros e prata nos 800

Os nosos campións de Special Olympics Galicia visitan a CRTVG

Santiago, 08.08.2017.-   Coa ilusión de coñecer ás facianas máis coñecidas da TVG ou de sentirse por un intre como presentadores da canle pública galega, así asistiu á CRTVG un grupo de 25 persoas con discapacidade intelectual, que participa no programa 'Vacacións de Verán', organizado por Special Olympics Galicia.

Como parte do calendario de actividades de tipo cultural, deportivo ou de lecer que programan no campamento, os asistentes, integrados na Asociación Aspronaga e Nuestra Señora de Chamorro de Narón, escolleron coñecer nesta xornada o funcionamento dos distintos espazos informativos, así como as instalacións dos medios públicos galegos.  

No transcurso da visita amosaron interese polos presentadores, como foi o caso de Roberto Pita Romero-Chamorro, quen, coñecedor de 'Luar', tiña curiosidade por saber 'Onde está Gayoso?' ou, mesmo, Brais Díaz Fraga-Chamorro, que tras estrearse diante da cámara dun estudio de gravación mostrábase animado e preguntou 'Que programa vou presentar agora?'. Por citar algúns, entre os asistentes tamén se atopaba Martin Nieto Taramona, participante nos primeiros xogos nacionais Special Olympics Galicia en Barcelona 92, onde acadou medalla de ouro na proba de atletismo de 400m e prata nos 800m, ou Graciela e Dani Pita, sentados á fronte dun telexornal.

Special Olympics Galicia desenvolve cada ano o programa Vacacións de Verán, entre xullo e setembro, coa finalidade principal de potenciar a participación na sociedade das persoas con discapacidade intelectual, de maneira normalizada e en igualdade de condicións ao resto de cidadáns.

Galería de imaxes