CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Sorpresa no "Land Rober Tunai Show", que desvelou quen acompañará a Gayoso nas badaladas de Fin de Ano

07/12/2017

O presentador de "Luar" visitou o programa de Roberto Vilar acompañado de Lucía Regueiro e Rodrigo Vázquez, dúas caras ben coñecidas na TVG, que tomarán as uvas cos espectadores galegos

Sorpresa no "Land Rober Tunai Show", que desvelou quen acompañará a Gayoso nas badaladas de Fin de Ano

Santiago, 07.12.2017.-    No que ía ser un man a man entre dous dos presentadores máis queridos da TVG, saltou a sopresa. Roberto Vilar recibiu esta noite no estudio de gravación de "Land Rober Tunai Show" a Xosé Ramón Gayoso, que participou nos distintos sketchs e situacións do programa facendo gala da súa xa coñecida simpatía e bo humor.

O que non agardaban os espectadores do programa era coñecer, en directo e en exclusiva, o nome das persoas que darán as badaladas de Fin de Ano, con Gayoso como mestre de cerimonias, como non podía ser doutro xeito. A actriz Lucía Regueiro, protagonista da serie "Serramoura", e o xornalista Rodrigo Vázquez, coñecido por presentar distintos programas na Televisión de Galicia e actualmente á fronte do concurso "Ti Verás", tomarán este ano as uvas cos espectadores galegos.