CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Sete candidaturas aos Goya para filmes participados pola TVG

02/12/2019

‘O que arde’ está proposta a catro premios e ‘Quen a ferro mata’, a tres

A cinta de Oliver Laxe loitará por facerse cos galardóns a mellor película, dirección, fotografía e actriz revelación

O thriller de Paco Plaza sitúa a Luís Tosar e a Enric Auquer como candidatos aos galardóns interpretativos e tamén está proposta na categoría de son

Sete candidaturas aos Goya para filmes participados pola TVG

Santiago, 02.12.2019.-    A película ‘O que arde’, dirixida por Oliver Laxe e participada pola Televisión de Galicia, engade un chanzo máis no seu longo camiño de premios e recoñecementos. A que é xa unha das producións máis importantes dos últimos anos no panorama galego e tamén a película galega máis vista en cines da historia competirá na vindeira gala dos Premios Goya con catro candidaturas: mellor película, mellor dirección, mellor dirección de fotografía e mellor actriz revelación, premio, este último, ao que está proposta Benedicta Sánchez, que se estreou como actriz aos 84 anos.

Na 34ª edición dos Premios Goya, que se entregarán o 25 de xaneiro en Málaga, ‘O que arde’ competirá no apartado de mellor longametraxe con grandes producións como ‘Dolor y Gloria’, de Pedro Almodóvar, e ‘Mientras dure la guerra’, de Alejandro Amenábar, e cos filmes ‘Intemperie’, de Benito Zambrano e ‘La trinchera infinita’, de Aitor Arregi, Jon Garaño e Jose Mari Goenaga.

Estas candidaturas aos Goya supoñen a culminación dun ano máxico para Laxe e a produtora Miramemira, xa que, ademais do éxito en salas, ‘O que arde’ recibiu catro premios no Festival Internacional de Cine de Mar del Plata, entre eles a mellor filme e mellor guión, e gañou o premio do xurado na sección ‘Unha certa mirada’ do Festival de Cine de Cannes, onde recibiu tamén un galardón á mellor creación sonora.

‘O que arde’ é un melodrama sobre o lume e as emocións intensas e busca ser un retrato extremo dun rural en vías de desaparición, do seu carácter rudo e tenro á vez, excesivo e sereno por igual. A película retrata a epopea vital da anciá Benedicta e do seu fillo Amador, pirómano e ex-convicto, cuxa vida transcorre ao ritmo sosegado da natureza, ata que todo cambia cando un violento incendio arrasa a zona.

Na listaxe dos candidatos aos Goya tamén se coou outra película con selo galego e con participación da Televisión de Galicia: o thriller Quen a ferro mata’, de Vaca Films, que competirá na categoría de mellor actor protagonista (Luís Tosar), mellor actor revelación (Enric Auquer) e mellor son.

Cunha forte carga dramática, o filme dirixido por Paco Plaza abrangue temas como a traizón, as relacións familiares, a droga e a violencia e retrata familias que quedaron desfeitas polos horrores do mundo da droga, nunha Galicia que se viu especialmente afectada. A trama da longametraxe conta a historia de Mario, un home exemplar, que traballa nunha residencia de anciáns como enfermeiro e cuxa vida cambia cando o narcotraficante máis coñecido da zona, acabado de saír do cárcere, ingresa na residencia.