CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'Serramoura' recibe o premio Apolo á mellor sintonía de serie

17/04/2018

Este galardón recoñece a música estreada en producións, entre 2015 e 2018

'Serramoura' recibe o premio Apolo á mellor sintonía de serie

Santiago, 17.04.2018.-  A ficción da TVG está de novo de parabéns. Nesta ocasión, foi 'Serramoura' quen acadou un novo recoñecemento ao facerse co premio Apolo á mellor sintonía de serie, categoría en que competía con producións como El Caso ou El Príncipe.

Este thriller rural, cuxa sintonía foi composta por Manu Conde, era tamén candidata ao galardón de mellor fondo de serie, apartado en que resultou gañadora a ficción El Caso. 'Serramoura', serie producida por Voz Audiovisual para a TVG, leva seis temporadas de éxito na canle pública galega. Os sucesos e as relacións imposibles definen as historias que acontecen nunha pequena vila que vive da explotación dos seus recursos madeireiros e, na que dúas familias, os Soutelo e os Fiúza, loitan polo control do negocio.

Os premios Apolo queren recoñecen a música estreada en producións realizadas para a televisión entre o 1 de xaneiro do 2015 e o 28 de febreiro deste ano, así como tamén aos compositores que as crearon. A gala, celebrada en Madrid, está organizada pola Asociación de Músicos Compositores e Autores nos Medios (Musicaem).