CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Sara en prisión, esta noite no "Pazo de Familia"

05/12/2018

Emilio, Mónica, Nino e Marisiña artellan un plan para dar co asasino de Suevia

Sara en prisión, esta noite no "Pazo de Familia"

Axudar a Emilio tivo as peores consecuencias que Sara podía imaxinar. As súas pegadas na arma homicida son a proba que precisa o xuíz para negarlle a liberdade baixo fianza e forzar o Pardo Veiga a confesar a súa culpabilidade, aínda que el non cometese o crime. Mónica visítaa como avogada e decátase de que o taxista que a levou á adega pode corroborar que a hora á que iso aconteceu foi posterior ao asasinato de Suevia.

O novo capítulo de “Pazo de Familia” que a TVG ofrece esta noite é unha carreira por sacar a Sara da cadea. Non só o intentarán Emilio e Mónica, senón tamén Marisiña, disposta a todo para traer de volta a súa amiga. Emilio intenta buscar o taxista e, por outra parte, procurar que Eva declare como testemuña de que Sara non cometeu o asasinato.

Mentres, Marco impídelle a Eva facelo, baixo a ameaza constante de facer pública a información que ten contra ela, e máis agora que conta co documento que Eva asinou recoñecéndolle a paternidade do fillo que agarda. Claudia intenta convencer a Eva, pero finalmente quen consegue neutralizar a Marco é Alberto. Mentres está no cárcere, Marisiña organiza un plan para sacala polas bravas.

Finalmente, Emilio, Mónica e Nino seguen os consellos de Marisiña e artellan un plan para dar co asasino de Suevia e que así Sara e Emilio poidan quedar libres de sospeita. Consiste en mandarlle unha carta anónima aos posibles culpables -que son Marco, Leonor e Carlos- citándoos nas viñas. Ao final do capítulo, Mónica e Nino ven chegar un coche e están a piques de coñecer a identidade do asasino.