CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Sánchez Izquierdo destaca o saneamento das contas anuais da CRTVG desde 2009 e o superávit de 2,2 millóns acadado en 2018

22/05/2019

O director xeral da Corporación presentou no Parlamento as contas anuais da CRTVG, cumprindo coas obrigas legais que rexen os medios públicos galegos

Sánchez Izquierdo destaca o saneamento das contas anuais da CRTVG desde 2009 e o superávit de 2,2 millóns acadado en 2018

Santiago, 22.05.2019.-    Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da Corporación Radio e Televisión de Galicia, compareceu hoxe ante a Comisión de Control da CRTVG do Parlamento de Galicia para presentar as contas anuais da Corporación correspondentes a 2018, cumprindo coa obriga marcada pola Lei 9/2011, de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia. O director xeral salientou que a CRTVG pechou o ano pasado cun resultado orzamentario positivo, por valor de preto de 2,2 millóns de euros (2.180.961€), tendencia que se repite desde 2009 e que é froito dunha xestión desenvolvida “cun profundo sentido empresarial que contribuíu a mellorar os resultados e a situación patrimonial e financeira da sociedade”.

En 2018, en termos de audiencia, a CRTVG acadou a segunda posición tanto no conxunto do día coma no prime time. A canle pública galega preséntase como unha das máis dinámicas, xa que acadou no conxunto do día 2,1 puntos de cota máis que a media da FORTA (7,9%) e no prime time 2,8 puntos máis que a media da FORTA (8%).  2018 foi tamén o ano en que se levou a cabo a transformación máis importante desde a creación dos medios públicos galegos en 1985: a dixitalización do total dos seus sistemas e procesos de produción “que vai colocar a audiencia no centro da estratexia da Corporación co fin de ofertar unha programación competitiva e de calidade”.
    
Son tamén axeitados os indicadores no ámbito financeiro (tesourería, liquidez e solvencia) e mesmo na desaparición estrutural desde o ano 2013 da débeda bancaria e un resultado, tamén axeitado, en clave de endebedamento neto.
    
Como explicou Sánchez Izquierdo, “saneáronse neste período (2009-2018) un valor total de 33,2 millóns de euros, o cal representa unha porcentaxe do 65,1%”. Lográronse tamén resultados axeitados no ámbito patrimonial, cun patrimonio neto ao remate de 2018 de 42,6 millóns de euros, cun incremento do 12,7% respecto de 2017.

No punto do gasto de persoal, Sánchez sinalou que “acadou un valor de 48,8 millóns, semellante ao de 2017, comportamento que pon de manifesto unha tendencia de contención nos valores”, e que a xestión económica fixo posible que “o custo da Corporación por habitante baixase desde 2009 ata situarse actualmente nun valor de 35,8 euros/ano”.

Nese eido laboral, en 2018 traballouse na finalización dun plan de saneamento da xestión laboral en relación cunha problemática con orixe retrospectiva en exercicios anteriores a 2009, financiado con recursos ordinarios, que tivo un custo total de 39,6 millóns de euros a 31 de decembro do ano pasado.     En canto á débeda neta, a CRTVG presentaba ao remate de 2018 un importe de 6,6 millóns de euros, o que significa un saldo favorable á Corporación por este importe e confirma a mellora continuada desde 2009.