CRTVG Viva
Sánchez Izquierdo advirte que a CRTVG cumpre "unha función esencial para a sociedade, enchendo o oco que deixan as canles privadas"
O director xeral do ente presentou no Parlamento o Informe de Servizo Público do exercicio 2013, no que se xestionaron 46 millóns menos que hai cinco anos e que se pechou por quinta vez consecutiva en equilibrio orzamentario
Destacou que a TVG foi novamente a referencia informativa de Galicia, con 1.800 horas de programas de noticias e índices de audiencia líderes, obtendo o recoñecemento da Academia española da Televisi&oacu

Santiago, 30.05.2014.- O director xeral da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo, manifestou hoxe que o ente público e as televisións autonómicas en xeral cumpren “unha función esencial para a sociedade, enchendo o oco que deixan as privadas cunha programación fresca, de calidade e diferenciada das modas impostas polos grandes grupos”, ao tempo que ofrecen “unha alternativa publicitaria no ámbito galego” e “prestando atención á cultura e á nosa lingua, e con información de proximidade”. Estas afirmacións fíxoas na súa comparecencia diante da Comisión de Control da CRTVG no Parlamento para presentar o Informe de Servizo Público de 2013.
Na súa exposición, Sánchez Izquierdo lembrou que no pasado exercicio cumpríronse estas características pese ao reto que supuxo xestionar uns recursos inferiores en 46 millóns de euros aos que se dispuñan no momento en que tomou posesión en 2009. Pese á difícil situación económica e a “caída evidente” dos ingresos comerciais, conseguiuse por quinto ano consecutivo pechar o exercicio en equilibrio orzamentario e despois de reducir a cero o endebedamento bancario, que era de 32,4 millóns en 2009.
O informe presentado sinala que as canles da TVG acadaron o ano pasado unha audiencia media do 11,8% e que a faixa informativa do mediodía acadou unha cota media do 26,2%. Sánchez Izquierdo subliñou que a Galega “foi un ano máis o referente informativo en Galicia, tanto polos seus índices de seguimento, que superan no seu conxunto aos das demais canles, como polo peso específico que este servizo ten no conxunto da grella de programación”. Entre outros datos, emitiu un total de 1.852 horas anuais de información, e foi premiada pola Academia española de Televisión polo seu tratamento da catástrofe de Angrois. A programación cultural tamén ocupou un peso importante na Televisión de Galicia, con 1.820 programas emitidos ao longo de 2013.
Un dos fitos do exercicio foi a posta en marcha, impulsada por TVG, da primeira serie de ficción que conseguiu a participación conxunta de todas as televisións autonómicas, “O Faro”, que ademais acabou en niveis do 20% de audiencia. Por outro lado, a oferta de programación infantil volveu incrementar as súas horas de emisión, esta vez un 9% sobre 2012. Ao longo da semana a tvG2 emite unhas 50 horas de contidos que promoven a nosa lingua entre os máis pequenos, fronte ás 6 horas de 2009.
Sánchez Izquierdo tamén lembrou as emisións exteriores de TVG, especialmente en Europa e América, onde teñen un alcance potencial de 26 millóns de fogares. “Temos a convicción de que o seguimento da TVG fóra de Galicia é igual ou superior ao que temos na nosa comunidade”, comentou o director xeral.
No eido tecnolóxico unha das novidades máis rechamantes foi a entrada en funcionamento das mochilas con conectividade 3G, nas que TVG foi unha das pioneiras en España e que permiten transmitir imaxes en tempo real empregando un operativo máis reducido que os necesarios cando se empregan unidades de transmisión por satélite.
A Radio Galega, por outra parte, aumentou a súa audiencia un 9,43% e mantívose como a segunda radio no ámbito galego, con 183.000 oíntes de luns a venres, sen perder o seu obxectivo de ofrecer aos seus oíntes unha programación diferenciada, próxima e equilibrada, pegada á realidade.
E a actividade da CRTVG na internet viuse recoñecida, entre outros aspectos, como referente galego e en galego, tanto a nivel informativo como de entretemento. Así, subliñou Sánchez Izquierdo, a web corporativa pasou do posto 35 da clasificación de webs galegas en 2008 ao posto 7 co que pechou 2013. Durante o exercicio o número de páxinas vistas medrou un 9,18%.
O Servizo de Documentación do ente público, que atesoura todo o que representa en formato audiovisual o pasado recente de Galicia, tramitou o ano pasado 73.000 préstamos internos e preto de 1.000 externos, e fixo posible a creación do novo arquivo en liña, accesible para calquera cidadán desde a web e con 500 vídeos históricos.
O informe faise eco das políticas de responsabilidade social corporativa da CRTVG, que entre outras cousas permitiron que o ente público mantivese conversa directa con 107.000 persoas a través de chamadas, visitas, redes sociais e o servizo de atención ao público. Tamén neste capítulo enmárcase a accesibilidade dos contidos da TVG, que en 2013 significaron preto de 2.000 horas de programas subtitulados e 248 programas informativos en lingua de signos.