CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

As directoras da TVG e da RG inciden no labor educativo dos medios públicos galegos fronte á violencia de xénero

10/06/2013

Rosa Vilas presentou, xunto á responsable da emisora pública e á secretaria xeral de Igualdade da Xunta, un curso sobre o tratamento informativo da igualdade

 

Para Rosa Martínez, a emisora pública galega cumpre escrupulosamente unha función de concienciación, facendo fincapé nas consecuencias negativas da violencia de xénero

 

Susana López afirmou que “os medios contribúen &a

As directoras da TVG e da RG inciden no labor educativo dos medios públicos galegos fronte á violencia de xénero

Santiago, 10.06.2013.-  “Unha televisión e unha radio públicas teñen que educar”. Así se referiron hoxe Rosa Vilas e Rosa Martínez  ao papel distintivo que os medios públicos galegos teñen que desenvolver para facer fronte á violencia de xénero. A TVG e a Radio Galega, conscientes do seu labor como servizo público e da súa facultade para visibilizar e sensibilizar sobre a eiva social da violencia de xénero, presentaron este mediodía na sede central da CRTVG en San Marcos, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade, un curso sobre o tratamento informativo da igualdade nos medios, dirixido a informadores, que impartirá Pilar López, doutora en Comunicación e experta en comunicación e xénero.

 Esta formación, que lles outorgará aos profesionais as ferramentas de traballo precisas para abordar axeitadamente esta problemática, é primordial a xuízo da responsable da canle pública galega, Rosa Vilas, porque “os medios de comunicación públicos temos unha responsabilidade e unha obrigatoriedade, pero tamén temos que ser exemplares. A CRTVG é o medio de comunicación máis potente co que conta Galicia. Somos os primeiros e os líderes, e que mellor que xuntar sinerxías coa Consellería, educando e facendo servizo público. Nós construímos sociedade”.

 Pola súa parte, para Rosa Martínez, a emisora pública galega cumpre escrupulosamente un labor de concienciación a través das súas noticias, evitando o sensacionalismo e os detalles morbosos, respectando as vítimas, buscando fontes solventes, facendo fincapé nas consecuencias negativas e incluíndo nas informacións sempre o teléfono de atención aos casos de violencia de xénero. A directora da Radio Galega afirmou que desde os medios públicos “servimos para concienciar da traxedia da violencia machista”, e engadiu “estamos no camiño”.

 Segundo explicou Susana López Abella, a cooperación da Secretaría Xeral de Igualdade coa CRTVG busca reforzar a integración da transversalidade de xénero, a favor da igualdade de trato entre homes de mulleres. “Os medios de comunicación contribúen á construción da opinión pública; son responsables da imaxe da violencia de xénero e da imaxe da muller”, sinalou a secretaria xeral de Igualdade.

 Fronte ao aumento constante do número de casos de violencia de xénero, a xornalista e docente Pilar López reivindicou a especialización dos profesionais dos medios de comunicación para desautorizar o machismo. “É importante que os profesionais dos medios tomen este asunto moi en serio. Agora é o momento de dar o salto cualitativo, de cambiar de paradigma: ningunha noticia sen corte en radio e ningunha sen total en televisión. Temos que darlle máis tempo a estas noticias”, apuntou.

Na foto superior, de esquerda a dereita, Pilar López, Rosa Vilas, Susana López e Rosa Martínez, durante a presentación do curso.