CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Rosa López, Susana Seivane e Beatriz Luengo, cartel de artistas convidadas de luxo no 'Luar' deste venres

17/09/2021

A orquestra Fania Blanco Show, Luis Iglesia, a agrupación Retranqueiros de Ames e a banda de acordeóns e gaitas da Escola Municipal de Meira completan as actuacións musicais da noite

Rosa López, Susana Seivane e Beatriz Luengo, cartel de artistas convidadas de luxo no 'Luar' deste venres

Santiago, 17.09.2021.-   Tras a excelente acollida da audiencia no arranque da trixésima temporada de ‘Luar’ (22.00 h) na TVG, que obtivo un 14,6 % de cota de pantalla na franxa máis importante da xornada, o musical volve esta noite, presentado por Xosé R. Gayoso e Trisha Fernández, con máis ilusión se cabe para ofrecer unha nova edición única, na compaña de artistas de renome.

Este venres brillarán sobre o escenario tres mulleres, cada unha no seu estilo, que destacan pola súa arte, carisma e forza. Así, a granadina Rosa López irromperá en ‘Luar’ coa súa voz inconfundible e coas propostas do seu álbum máis íntimo e sentimental, ‘Vacío’. Pola súa parte, unha das nosas gaiteiras con maior proxección internacional, Susana Seivane, acudirá co seu novo traballo, ‘Dende o meu balcón’, co que a artista regresa ás raíces tradicionais que marcaron o inicio da súa carreira. E a versátil cantante, actriz, bailarina e empresaria Beatriz Luengo achegará algún dos seus éxitos máis recentes.

O cartel musical completarase coas actuacións da orquestra Fania Blanco Show, do artista Luis Iglesia, da agrupación Retranqueiros de Ames e da banda de acordeóns e gaitas da Escola Municipal de Meira.

No certame de novos talentos da canción ‘Recantos’ hoxe enfrontaranse, por primeira vez na competición, Adrián Blanco, de Terras de Compostela, e Xisela, de Terras da Coruña. Amais, o concurso telefónico do programa partirá cun bote de 1.000 euros e o humorista Marcos Pereiro ofrecerá un monólogo arredor dos 30 anos de vida de ‘Luar’.