CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Roberto Vilar e Rodrigo Vázquez serán a nova parella da TVG, desde o luns no novo programa das tardes, 'Quen anda aí?'

24/01/2020

Con tres horas diarias en directo, este magazine será unha porta aberta a todas as persoas que teñan algo que contar e compartir e presentará historias cotiás coas que se identificarán os espectadores

O coñecido locutor da RG Marcial Mouzo trasladará cada xoves ao estudio o espírito do seu programa ‘Pensando en Ti’, mentres que Rocío Barrio e Patricia Santana soprenderán a xente nas súas casas

Roberto Vilar e Rodrigo Vázquez serán a nova parella da TVG, desde o luns no novo programa das tardes, 'Quen anda aí?'

Santiago, 24.01.2020.-   Tres horas de directo, de conversas coa audiencia e de resposta ás cuestións que máis lles preocupan aos espectadores. Isto é o que ofrecerá a partir do vindeiro luns o magazine ‘Quen anda aí?’, a nova aposta para as tardes da Galega. Os/as convidados/as e todo o que teñan que contar serán os protagonistas deste novo programa participativo e aberto, onde todo o mundo será benvido para expoñer a súa historia, historias cotiás coas que se identificarán os espectadores desde as súas casas.

A primeira sorpresa deste novo formato de tarde, producido por Veralia e Tex 45, son os seus presentadores, dúas caras moi coñecidas da TVG: Roberto Vilar, que se estrea nunha faixa horaria que compatibilizará co ‘Land Rober Tunai Show’, e Rodrigo Vázquez, que, despois dunha longa experiencia en varios programas da canle pública galega, fará parella con Vilar.

Xunto a eles estará unha vez por semana o coñecido locutor da Radio Galega Marcial Mouzo coa sección ‘O banco de amigos de Marcial’, que os xoves trasladará ao estudio o espírito do seu coñecido espazo radiofónico ‘Pensando en Ti’. Nesta nova aposta para as tardes da Galega participarán tamén dúas profesionais moi coñecidas pola audiencia, Rocío Barrio e Patricia Santana, que serán as encargadas de conectar en directo desde distintos lugares da xeografía galega para achegar ao estudio de gravación as historias alá onde estean e tamén para sorprender a xente nas súas propias casas.

Un dos contidos máis frescos de ‘Quen anda aí?’ será ‘O Club dos 4’, sección que terá como protagonistas catro persoas que vivirán cada semana experiencias distintas e completamente novas para elas. Este club funcionará ademais como unha mesa de expertos que comentará os temas máis diversos no gran sofá do programa.

No acto de presentación desta mañá, que tivo lugar no estudio de Tex 45 de Ordes, o director de Contidos da TVG, Fernando R. Ojea, sinalou que “a partir do vindeiro luns facemos unha aposta moi importante coa que queremos poñerlle emoción á nosa grella e para isto, para entreter o público polas tardes, sacamos do seu hábitat natural a profesionais que xa teñen triunfando noutros programas”.

“Queremos que sexa un programa alegre e divertido e que o humor sexa unha parte importante del, xa que o humor non é só a comedia, senón que é unha maneira de vivir en Galicia”, explicou Roberto Vilar, quen tamén asegurou que “imos abrir este estudio a todo o país para que a xente veña a falar, a contar e facer”. Segundo Rodrigo Vázquez, “este programa vai facer un gran labor nas tardes da Galega, xa que vai estar preto da xente, satisfacer as súas necesidades e amosar experiencias das que todos imos aprender”.

Galería de imaxes