CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

RG Música ofrece a través de Facebook Live o concerto presentación do primeiro disco de Pablo Sanmamed Trío

09/07/2019

Este novo recital poderase seguir no Facebook da Radio Galega este mércores, ás 22.00 horas

RG Música ofrece a través de Facebook Live o concerto presentación do primeiro disco de Pablo Sanmamed Trío

Santiago, 09.07.2019.- O programa ‘Notas de Jazz’ de Radio Galega Música ofrece este mércores un novo concerto, vía Facebook Live, ás 22.00 horas. Nesta ocasión, correspóndese coa agardada presentación do disco de estrea de Pablo Sanmamed Trío, que leva por título 16/04.

O grupo, liderado polo contrabaixista Sanmamed, con Iago Mouriño ao piano e Bruno Couceiro na batería, agasallou os asistentes no Teatro Principal de Santiago de Compostela con composicións orixinais nas que se intúen distintas sonoridades de raíz. que van desde os valses franceses (‘Setembro’), música pensada para cuarteto de corda (‘L.H.’), ás horas romanesas (‘Dúas Mulheres’) ou á música feita con cuarteto de corda (‘Dujmey tinqu’). Neste disco de excepción da nova escena do jazz galego cómpre salientar que a maioría dos temas son do propio Pablo.

Con estas emisións, Radio Galega Música pretende establecer novas relacións coa audiencia aproveitando as posibilidades que permiten as ferramentas dixitais para achegar os sons galegos e os distintos xéneros musicais ao público máis novo. O concerto estará dispoñible nos audios da web da Radio Galega e na sección #cultura365 da páxina da CRTVG.