CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Remata a rodaxe da miniserie da TVG 'Juana de Vega. Vizcondesa do Arado'

29/06/2016

Producida por Zenit TV, relata a vida dunha das mulleres pioneiras en España na defensa da xustiza e contra as desigualdades sociais

O filme está dirixido por Zaza Ceballos e ten como protagonistas as actrices Sonia Castelo e Luísa Merelas, que lle dan vida en dúas etapas da súa biografía

Remata a rodaxe da miniserie da TVG 'Juana de Vega. Vizcondesa do Arado'

Santiago, 29.06.2016.-    A produtora Zenit TV rematou a rodaxe de 'Juana de Vega. Vizcondesa do Arado',  unha miniserie da TVG centrada na vida de dona Juana de la Vega e Martínez, figura clave do século XIX, destacada loitadora contra a inxustiza e as desigualdades sociais. O filme pretende reivindicar a figura desta coruñesa, que tivo unha enorme influencia na vida social e política de España.

Con guión de Miguel Anxo Murado, fotografía de Sergio Franco e montaxe de Gerardo Rodríguez, a produción está dirixida por Zaza Ceballos e ten como protagonistas as actrices Sonia Castelo e Luísa Merelas, que dan vida a Juana de Vega en dúas etapas da súa biografía respectivamente: cando, no Palacio Real de Madrid, exercía de aia da raíña nena Isabel II e da infanta Luísa Fernanda e na súa etapa de benfeitora e loitadora polos dereitos dos presos, dos labregos e das clases máis desfavorecidas.

Completan o elenco recoñecidos actores e actrices como Blanca Cendán, Miquel Insua, Xoel Fernández, Fina Calleja, Iván Marcos, Lino Braxe, Casilda Alfaro, Iria Parada, Luísa Martínez, María Tasende, Adrián Castiñeiras, Ana Sanmartín, Sergio Quintana e Carlos Olalla.

O filme comeza en 1871, cando, tras unha vida intensa e xa ao final dos seus días, Juana de Vega dita o seu testamento na súa casa da Coruña. A súa gran preocupación é deixar en marcha o seu último proxecto: unha Granxa-Escola para os campesiños da zona. Ante a curiosidade do avogado por este interese case obsesivo de Juana, esta inicia o relato das historias da súa vida.

Mulleres galegas na historia

Este proxecto inscríbese dentro da liña comezada pola produtora Zenit Televisión de adaptar á televisión as biografías de salientables mulleres galegas pioneiras na arte, na ciencia ou no pensamento, como foron Concepción Arenal ou Emilia Pardo Bazán, das que xa se realizaron as correspondentes películas: 'Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde' (2010) e 'Concepción Arenal, a visitadora de cárceres'  (2012). “Juana de Vega. Vizcondesa do Arado” incluirá, como as anteriores, un documental e unha unidade didáctica complementarias. A colección é un proxecto producido e dirixido por mulleres, centrado en guións sólidos e á vez entretidos, pensados para o gran público, cun claro contido cultural e divulgativo e contando coa participación de institucións autonómicas e estatais.

Galería de imaxes