CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

RadioGalegaPodcast.gal ambienta a noite de San Xoán coa estrea de 'Un ollo de vidro' e os seus relatos de misterio

23/06/2022

Este novo podcast ofrecerá cada semana un conto dun recoñecido autor, aderezado cunha magnífica narrativa e con efectos sonoros de gran calidade
 
A primeira tempada arranca este xoves co terror de ‘O gato negro’, de Allan Poe, considerado un dos contos máis arrepiantes da historia da literatura

O proxecto podcast da Radio Galega segue crecendo con novos contidos,

RadioGalegaPodcast.gal ambienta a noite de San Xoán coa estrea de 'Un ollo de vidro' e os seus relatos de misterio

Santiago, 23.6.2022.-  RadioGalegaPodcast.gal estrea esta noite meiga Un ollo de vidro, podcast que manterá en ascuas os amantes do misterio e o suspense cos seus terroríficos contos. Da man do profesional da Radio Galega Isidro Cea, que fai un uso soberbio dos recursos sonoros e a narración, a ficción e o terror que propoñen os escritores favoritos do xénero nos seus relatos apoderaranse dos micrófonos.   

Nos episodios da primeira tempada, que se actualizarán semanalmente, poderán escoitarse relatos de terror, thriller ou mesmo fantasía, escollidos de Edgar Allan Poe, H.P. Lovecraft, Robert E. Howard, Castelao e Pedro Feijoo. Pero ‘Un ollo de vidro’ seguirá medrando e perseguindo historias, sobre todo, de máis autores galegos, sempre situadas nun contexto sonoro e musical.

Hoxe, inaugura ‘Un ollo de vidro’ a dramatización do célebre ‘O gato negro’ (Allan Poe), considerado un dos contos máis arrepiantes da historia da literatura. A seguinte semana, os oíntes poderán tremer co relato de atmosfera gótica ‘A tumba’ (Lovecraft); seguiralle ‘Memorias dun esquelete’ (Castelao), relato que fai realidade o título deste espazo da Radio Galega e no que se escoitarán, amais, as voces de Celia Riande e Ramiro Santos; con ‘A pedra negra’ (Robert E. Howard) proporase unha viaxe a tempos ancestrais, con cultos descoñecidos, e, por último, ‘Un lume azul’, fragmento do primeiro capítulo da última novela de Pedro Feijoo. Un thriller inmenso e contundente para o que se contará coas voces convidadas de Lucía Junquera, Ramiro Santos e Kiko Novoa. Isidro Cea é o responsable da voz, o deseño sonoro e a realización do podcast.
    
Deste xeito, a Radio Galega segue consolidando o proxecto podcast RadioGalegaPodcast.gal, nado a finais de 2021, coa suma de novos contidos e podcasts nativos dixitais á marxe dos patróns horarios da radio e coa vontade de alcanzar diferentes públicos niño. Así, ao pioneiro ‘Superando a ficción’, que vai pola segunda tempada, uníronse outros 40 podcasts como, entre outros, ‘A fin do mundo’, ‘Como que non?’, ‘Estudio 3. Desclasificados’, ‘Moito ollo’, ‘Hey, ho, let’s go!’ e ‘Os pobres si que choran’. A plataforma está tamén dispoñible en Spotify e en iTunes, co que se sitúa nos novos espazos de consumo da audiencia.