CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Radio Galega Música comeza temporada co regreso dos seus programas temáticos de autor

10/09/2021

Volven veteranos como ‘Tres Peixes Voando’ e ‘Lume na Palleira’, ademais de ‘Raizame’, ‘O Lobo Urbano’, ‘Cara B’, ‘Ondas Indies’, ‘Notas de Jazz’ e ‘Concerto Popular’

Estes espazos consolidan un formato musical que busca acompañar os seus oíntes con ritmo e sen estridencias, cunha radiofórmula enfocada ás preferencias do público galego

Radio Galega Música comeza temporada co regreso dos seus programas temáticos de autor

Santiago de Compostela, 10.09.2021.- Radio Galega Música estrea este luns unha nova temporada, recuperando os seus programas temáticos de autor nos seus espazos habituais, a modo de escaparate para as distintas tendencias e estilos, sempre con óptica e ollada galega. Estes espazos consolidan un formato musical que busca acompañar os seus oíntes con ritmo e sen estridencias, cunha radiofórmula enfocada ás preferencias do público galego, que ofrece unha coidada selección das cancións favoritas da historia da música galega e dos éxitos máis actuais.

Volven así a vindeira semana programas veteranos como ‘Tres Peixes Voando’, unha fiestra aberta ás músicas do mundo, da man de Xavier Díaz, os domingos na sobremesa (de 15.00 a 17.00 h). Ese mesmo día volve tamén Emilio Españadero co seu ‘Lume na Palleira’, programa especializado na música folk e tradicional, pero con atención ás propostas chegadas doutros lugares, que se poderá escoitar de 17.00 a 19.00 h.

Os espectadores comezarán a semana viaxando por todo o mundo con ‘Raizame’, o espazo conducido por Óscar Losada, que ofrece cada luns ás 23.00 h a lista europea das músicas internacionais, ademais da actualidade dos artistas conectados coa lusofonía, a música raíz dos países europeos e a creatividade sonora que vai máis alá do pop estándar.

Tamén ás 23.00 h, nos martes o rock volverá ser protagonista, co histórico Charly Domínguez, membro do grupo Los Suaves, ao micro de ‘O lobo urbano’; e os mércores será Manuel de Lorenzo quen acompañe os oíntes, con ‘Cara B’, un programa sobre as pequenas grandes anécdotas que enchen a historia da música.

Novidades, concertos, festivais ou entrevistas serán algunhas das paradas que farán nas noites dos xoves en ‘Ondas Indies’, un programa que funciona a modo de escaparate para a música indie pop que se fai no mundo, dende a máis actual ata aqueles sons do noso territorio que quedaron no esquecemento. ‘Notas de Jazz’ porá o broche final á semana ás 23.00 h dos venres nun retrato do mundo coa presenza de músicos galegos, arredor da chamada música do século XX.

Radio Galega Música completará a súa programación para esta nova temporada coa presenza, nas mañás de domingo, do ‘Concerto Popular’ (de 12.00 a 13.00h), facendo desta emisora musical a única en Galicia cun programa dedicado ás bandas de música.

A esta oferta musical súmanse as outras propostas da Radio Galega baseadas na tecnoloxía dixital: Son Galicia Radio e a canle infantil e xuvenil Radio Picariña, que continúan coas súas variadas propostas musicais este outono-inverno.