CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Rácing de Ferrol-Sevilla, destacado na Radio Galega, este xoves, no marco dos actos polo centenario do club galego

12/11/2019

Este amigable forma parte dos contidos especiais que ofrecerá a emisora pública galega, desde as 19.55 horas

Rácing de Ferrol-Sevilla, destacado na Radio Galega, este xoves, no marco dos actos polo centenario do club galego

Santiago, 12.11.2019.-  A Radio Galega dedica este xoves unha programación especial aos actos do centenario do Rácing de Ferrol. Desde as oito menos cinco da tarde, Paco Santos dirixe a retransmisión do partido entre o equipo verde e o Sevilla, que lembra a histórica final da Copa de 1939. Raúl Villares encargarase da narración, co apoio de Roberto Carlos Carballo movéndose co micrófono sen fíos ao pé do campo.

O encontro amigable chega nun bo momento para os dous protagonistas. O Rácing encadea tres vitorias consecutivas e xa está sétimo na clasificación, a catro puntos da cuarta praza, que dá dereito a disputar a fase de ascenso á segunda división A. O Sevilla, mentres, acaba de gañar o derbi no Villamarín e ocupa a cuarta praza, a só un punto dos líderes, Barcelona e Real Madrid.

A emisión do Rácing-Sevilla chegará a través da TDT, a web radiogalega.gal e a aplicación Radioplayer España. Na FM, os oíntes terán información entre as oito e media e as nove da noite, dentro do espazo de deportes de 'A crónica'.

Xa ás once da noite, na FM, o programa 'Ao contraataque' emitirase desde o estadio da Malata. Pedro Pablo Alonso dedicaralle a hora de duración á historia do club departamental, con entrevistas aos principais protagonistas do encontro amigable.