CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Programación especial na CRTVG para ofrecer o debate de investidura, íntegro e en directo

03/01/2020

A G2 ofrece o debate o sábado e o domingo desde as 09.00 h pola mañá e, a partir das 16.00 horas, en sesión de tarde

Emitirá o debate completo coas intervencións de Pedro Sánchez e os grupos parlamentarios, as respostas do candidato e a posterior votación

A RG (08.00 h) e a web simultanean as emisións para ofrecer tamén en vivo todo o que aconteza no Congreso dos Deputados

Programación especial na CRTVG para ofrecer o debate de investidura, íntegro e en directo

Santiago, 03.01.2020.- Os medios públicos galegos realizan esta fin de semana unha programación especial para ofrecer, en directo, o Pleno de investidura de Pedro Sánchez como candidato á presidencia do Goberno. En caso de non conseguir a maioría absoluta, fixada en 176 votos, o debate continuará pasadas 48 horas, o martes día 7. A segunda canle da Galega, a G2, e a Radio Galega e a web da CRTVG, de xeito simultáneo, emiten o debate completo desde o sábado.

A transmisión íntegra da G2, inclúe a lectura inicial da proposta de candidato entregada polo Rei á presidenta do Congreso, a exposición do programa do goberno por parte de Pedro Sánchez, os discursos dos líderes do resto das forzas políticas, as respostas do candidato e a posterior votación, que se desenvolve o domingo. Deste xeito, a segunda canle da Galega ofrece o debate o sábado e o domingo desde as 09.00 h pola mañá e, a partir das 16.00 horas, en sesión de tarde.

Especial cobertura informativa na Radio Galega

Pola súa parte, na Radio Galega, a sesión parlamentaria pódese seguir integramente a través da emisora pública nun especial informativo.

Desde as 08.00 horas da mañá do sábado ata o remate da primeira votación o domingo, a Radio Galega dá cobertura a unha investidura inédita na Democracia española que pode derivar no primeiro goberno de coalición a nivel estatal. A través da web da CRTVG pódese seguir tamén en directo esta programación especial da emisora pública.

Polos micrófonos da emisora pública pasan desde primeira hora os representantes galegos dos grupos políticos presentes no Congreso dos Deputados. Así, está previsto que interveñan na programación especial da Radio Galega os deputados María Ramallo (PP), Pablo Arangüena (PSOE), Antón Gómez Reino (UP) e Néstor Rego (BNG).

A cobertura informativa complétase coa interpretación política en directo de recoñecidas sinaturas no eido da crónica política como analistas como Javier Casqueiro, Luis Pérez, María Cadaval, Fernando Ónega, Ricardo Colmenero ou Bieito Rubido, achegando as claves do histórico contexto político actual.

Os oíntes da Radio Galega poden seguir esta programación especial a través das canles habituais (FM e TDT), así como a través da web www.radiogalega.gal e aplicacións móbiles da CRTVG e Radio Player.