CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Programación especial da Radio Galega este Xoves Santo, co 'Galicia por Diante' desde Camariñas, na Mostra do Encaixe

17/04/2019

Pola noite, será o 'Pensando en Ti' o que mude a súa localización habitual, xa que se emitirá en directo desde Arcade

Programación especial da Radio Galega este Xoves Santo, co 'Galicia por Diante' desde Camariñas, na Mostra do Encaixe

Santiago, 17.04.2019.-  Os programas da Radio Galega abandonan este Xoves Santo os estudios de San Marcos para ofrecerlles aos oíntes dous programas especiais desde o mesmo lugar da noticia. Desde primeira hora da mañá, o 'Galicia por Diante' estará en Camariñas para informar en directo da XXIX edición da Mostra do Encaixe. Pola noite, será o 'Pensando en Ti' o que mude a súa localización habitual, xa que se emitirá en directo desde Arcade.

A partir das 09.30 horas, Kiko Novoa dirixe un 'Galicia por Diante' moi especial, en que se falará con todos os protagonistas e responsables dunha nova edición da Mostra de Encaixe de Camariñas, onde converxen moda e tradición desde o 17 ata o 21 de abril. Nas case cinco horas que durará o espazo coñecerase a fondo todos os aspectos da mostra, dándolles voz a participantes, organizadores e visitantes.

Kiko Novoa falará en primeiro lugar con Sandra Insua, alcaldesa de Camariñas, que explicará  as actividades desta mostra, que o vindeiro ano fai a súa trixésima edición. Entre estas actividades atópase a presentación de coleccións de moda, coma a que realizará  a deseñadora Dolores Cortés, que explicará no espazo a súa aposta polos traxes de baño realizados con puntillas camariñás. Dentro do eido da innovación, o programa tamén falará con Carlos Bardullas, un peiteador que realiza uns toucados especiais realizados con encaixe.

As Asociacións de Palilleiras tamén contarán a súa experiencia, así como a directora do museo do Encaixe, Dolores Lema, que desde 1996 concentra o mellor do patrimonio etnográfico do municipio.

Pola noite, o 'Pensando en Ti' realizará unha xuntanza especial cos seus oíntes en Arcade, desde onde se emitirá o programa en directo. Marcial Mouzo estará no Multiusos de Arcade e falará con membros da Asociación Cultural Pobo Vello e do Concello de Soutomaior. No 'Pensando en Ti', líder das madrugadas segundo os últimos datos do EXM, participará este xoves, coma todos os días, o humorista Isi.