CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Programación cinematográfica especial da TVG na semana das Letras Galegas

14/05/2012

A canle autonómica ofrecerá a estrea en televisión da película “18 Comidas”, unha das maiores sorpresas do cine galego dos últimos anos; e da tv-movie “Voltar á Casa”

 

Unha manchea de títulos do noso audiovisual inundará a grella durante estes días, entre os que se atopan tamén “O Ano da Carracha”, “Sinbad”, “O Club da Calceta” e “O Neno de Bar

Programación cinematográfica especial da TVG na semana das Letras Galegas

Santiago, 14.05.2012.- O cine galego máis destacado dos últimos anos será protagonista durante esta semana na TVG, que, con motivo do día dedicado ás nosas letras, programará unha ampla selección de títulos, entre os que se inclúe a estrea da tv-movie “Voltar á casa” e da película “18 Comidas”, unha das cintas galegas con máis éxito dos últimos tempos.

A semana das Letras Galegas comeza hoxe na canle autonómica coa emisión do filme “O ano da carracha”, con Félix Gómez, Javier Veiga e Verónica Sánchez como protagonistas. A primeira película de Jorge Coira para a pantalla grande conta tamén coa presenza no reparto dos actores galegos María Vázquez, Camila Bossa, Mela Casal, Celso Parada e Olalla Salgado. A longametraxe, caracterizada polo sarcasmo e as referencias xeracionais, desenvolve a historia dun rapaz que acaba de licenciarse e que é instruído na arte de converterse nun parasito social.

O martes á noite a Televisión de Galicia ofrecerá a estrea do telefilme “Voltar á casa”, cun reparto encabezado por Santi Prego, María Salgueiro, Nerea Barros e Inés de Uña. O filme de Breogán Riveiro narra unha historia mil veces repetida: ante un acontecemento terrible, neste caso a desaparición dunha nena pequena, a sociedade busca as respostas máis rápidas e fáciles. Esta película para televisión nace así inspirada en acontecementos reais, os famosos casos que saltan aos medios de comunicación e que constitúen unha fonte de entretemento xornalístico durante días ou semanas.

Xa na xornada do mércores, na véspera do Día das Letras Galegas, a TVG programará a estrea en televisión de “18 Comidas”, unha das maiores sorpresas do cine galego dos últimos anos. Baixo a dirección de Jorge Coira, o filme conta cun reparto coral en que figuran unha boa lista de actores galegos, como Luís Tosar, Pedro Alonso, Federico Pérez, Víctor Fábregas, Camila Bossa, José Barato, Antonio Mourelos, María Vázquez ou Xosé Manuel Olveira “Pico”. A película supón unha viaxe a través de 18 comidas, entre almorzos, xantares e ceas, que nos fan partícipes deses momentos que poden cambiar unha vida. Unha ducia de historias ao longo dun único día que, como acontece na vida, teñen un percorrido imprevisible. Todas as historias se mesturan nunha película de emocións servidas arredor dunha mesa, unha viaxe polos sentimentos na máis universal de todas as loitas: a de ser feliz. Deste xeito, o filme é un cruzamento constante de camiños ao longo de almorzos, comidas e ceas, cunha fronteira moi difusa entre a risa e o pranto, como a vida mesma.

O propio Día das Letras Galegas o cine do noso país será protagonista por partida dobre, xa que a TVG ofrecerá unha sesión vespertina e outra nocturna. Na programación cinematográfica especial de tarde emitirase a tv-movie “Sinbad”, baseada na obra de Álvaro Cunqueiro, cuxo realismo máxico se fai evidente e onde o pasado e o presente se entrelazan constantemente. O argumento deste filme, dirixido por Antón Dobao e con Xosé Manuel Olveira “Pico” no papel de Sinbad, baséase en sentimentos como o amor, a amizade, a lealdade, a imaxinación ou a intelixencia.

Pola noite tocaralle a quenda a “O Club da Calceta”, adaptación da novela homónima de María Reimóndez, que supón un novo capítulo da serie “Un mundo de historias”, un proxecto creado e dirixido por Antón Dobao e centrado na adaptación de textos literarios galegos. Cun quinteto de mulleres interpretado por María Vázquez, Sonia Castelo, Mela Casal, Susana Dans e Camila Bossa, esta longametraxe para televisión explora o universo feminino a través da epopea de cinco persoas de diferente condición, idade e orixe social que viven as súas vidas ordinarias inzadas de conflitos e frustracións.

A sesión de cine galego do venres á noite terá como protagonista a película “O neno de barro”, dirixida polo realizador galego Jorge Algora, cun elenco encabezado por Maribel Verdú e ambientada no Bos Aires de comezos de século. O filme combina unha intriga criminal tan apaixonante como a de Jack o Destripador -pola atrocidade da súa trama e a súa ambientación- co relato da angustia dun neno atormentado polos seus propios medos e o seu illamento, na liña de “O sexto sentido”.

Na foto superior, Víctor Fábregas e Federico Pérez, nunha secuencia de "18 Comidas".