CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Preséntase unha unidade didáctica baseada na película da TVG "Concepción Arenal, a visitadora de cárceres"

22/05/2014

O material toma como base o filme e estrutúrase en catro bloques, que abranguen as facetas desta escritora galega, avogada, activista social e loitadora feminista

 

Rosa Vilas destacou esta iniciativa e sinalou que ao ser a TVG impulsora da película “non podía deixar de estar apoiando este proxecto didáctico”

Preséntase unha unidade didáctica baseada na película da TVG "Concepción Arenal, a visitadora de cárceres"

Santiago, 22.05.2014.- Este mediodía presentouse a unidade didáctica 'Concepción Arenal, unha voz rompedora', realizada por África B. López Souto sobre a película da TVG “Concepción Arenal, a visitadora de cárceres”. O acto, que tivo lugar no I.E.S. Concepción Arenal de Ferrol, contou coa participación do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; da secretaria xeral de Igualdade, Susana Lopez Abella; da directora xerente da TVG, Rosa Vilas; da delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo; do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e de Zaza Ceballos, directora da produtora Zenit Televisión.

O manual, que toma como base a película da Televisión de Galicia, dirixida por Laura Mañá e producida por Zenit Televisión e Distinto Films, profunda e amplía o coñecemento das contribucións de mulleres ao noso mundo, a través das elocuentes imaxes de Concepción Arenal e o seu traballo como pensadora social e visitadora ou inspectora no ámbito das prisións. Así, amosa un anaco da súa vida, do seu pensamento, do seu traballo e das súas loitas.

Segundo explicaron durante a presentación, esta unidade didáctica busca reparar a débeda que a historia ten coas mulleres a través da educación e do coñecemento das grandes figuras femininas da historia de Galicia, como é o caso da ferrolá Concepción Arenal e doutras moitas como Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán. Con ese obxectivo, Igualdade está a colaborar coa Consellería de Educación a través do Plan Proxecta, a través de programas como ‘Donas de si’, en que se poñen en valor unha serie de mulleres que loitaron co obxectivo común de ser respectadas e escoitadas nunha época complicada para elas.

A directora xerente da Galega, Rosa Vilas, ademais de destacar a iniciativa, sinalou que “a TVG, como impulsora da película, non podía deixar de estar apoiando este proxecto didáctico. É un paso máis na función de apoiar e de divulgar que tamén ten a Televisión de Galicia como servizo público”.

Esta unidade didáctica, axeitada tanto para o alumnado da ESO coma do bacharelato, estrutúrase en catro bloques: a presentación de Concepción Arenal como unha muller do XIX español, unha pensadora e autora dunha ampla e relevante obra de carácter social; o pensamento social de Concepción Arenal, en particular, no seu traballo nas prisións; a erradicación do castigo, e a educación igualitaria.

Esta é a segunda ocasión en que unha película da TVG se transforma en material didáctico. 'A Escaleira Desigual”, editada en 2013 e baseada na tv-movie “A condesa rebelde, Emilia Pardo Bazán”, tamén abranguía as múltiples facetas da ilustre escritora, como creadora, profesional e muller.

Concepción Arenal foi unha escritora galega, avogada, activista social e loitadora feminista, que tivo que traballar activamente para facerse un lugar nun mundo reservado en exclusiva para os homes. Na súa obra destaca á reivindicación das situacións marxinadas, dentro das que denunciou o abandono e penuria das prisións españolas, actividade que a fixo merecedora do nomeamento de visitadora de cárceres de mulleres en 1863 en Galicia. Como penalista, Concepción Arenal formou parte da comisión encargada da reforma penitenciaria e do Código Penal e propuxo unha función educativa do sistema penitenciario que reformase ao delincuente en lugar de castigalo.

Galería de imaxes