CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Dez producións da Galega, finalistas aos Premios Celtic Media 2022

30/03/2022

O #DígochoEu obtén dobre candidatura, ao ser seleccionado tamén polo xurado para participar na categoría de Espírito do Festival

Pola TVG optan a galardóns, dous programas do 'prime time' e catro destacadas producións 

A Radio Galega aspira ao premio á Mellor emisora do ano e Marcial Mouzo medirase no apartado de Mellor presentador de radio

Dez producións da Galega, finalistas aos Premios Celtic Media 2022

Santiago, 30.03.2022.-   Un total de dez producións dos medios públicos galegos son finalistas aos Premios Celtic Media Festival 2022, que acaban de facerse públicos na localidade bretoa de Quimper. Entre estas propostas, cómpre salientar, as dúas candidaturas do popular espazo de fomento do uso do galego da CRTVG #DígochoEu, que presenta Esther Estévez. Ademais de competir no apartado de Formato curto, foi elixido por parte do xurado para participar na categoría Espírito do Festival. A Bretaña francesa albergará tamén a gala de entrega dos premios, entre o 7 e o 9 de xuño.

Nesta edición foron seleccionados os espazos da TVG ‘Malicia noticias’, un noticiario de humor que analiza a actualidade dun xeito moi diferente, na categoría de Comedia, e no apartado de Factual ou feitos reais, ‘Cos pés na terra', un programa que se achega ás historias de persoas que escollen vivir e traballar no rural.

Tamén son finalistas aos Celtic Media Festival, na categoría de Entretemento infantil a serie de animación galega ‘Tutú’, en que un pequeno canguro transmite valores a través das súas divertidas aventuras; a coprodución galego-portuguesa ‘Ons’, participada pola TVG e dirixida polo compostelán Alfonso Zarauza, é un drama con toques de misterio arredor dun matrimonio en crise, protagonizado por Melania Cruz e Antonio Durán Morris, que compite na sección de Longametraxe. ‘Ons’ foi a gran gañadora da 19 edición dos Premios Mestre Mateo, con nove galardóns.

A TVG aspira a acadar, amais, un recoñecemento en Documental con ‘O gran Camiño’, produción que recolle as rutas a pé máis relevantes do mundo, entre as que ofrece a do Camiño de Santiago, e na categoría de Series, coa produción internacional ‘3 Camiños’, participada pola Galega. A través de 8 episodios, explora a relación entre un grupo de amigos de distintas nacionalidades en tres momentos puntuais das súas vidas, co Camiño como pano de fondo.
    
Mellor emisora e mellor presentador na Radio Galega

A Radio Galega, que pechou o 2021 reforzando o seu primeiro posto como emisora pública de Galicia e cunha marca histórica de audiencia, figura tamén na listaxe de candidaturas ao optar ao premio de Mellor emisora do ano. O locutor Marcial Mouzo tamén destaca entre as candidaturas. O popular condutor do ‘Pensando en ti’, emblema das madrugadas en Galicia, en que os oíntes comparten experiencias persoais e opinións, opta ao recoñecemento como Mellor presentador da emisora pública.

O Celtic Media Festival promove a cultura e as linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación e ten lugar desde hai 43 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles e a Bretaña francesa.