CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Plan Siberia gaña, por segundo ano consecutivo, o concurso da canción do verán da CRTVG

29/06/2018

'Chegou o momento' fíxose co galardón pola súa calidade e ritmo, fronte ás restantes aspirantes, das que o xurado destacou tamén o nivel e variedade de estilos

O tema triunfador pode escoitarse xa na nosa páxina web e, ao longo do verán, estará presente nos distintos programas dos medios públicos galegos

Santiago, 29.06.2018.-  'Chegou o momento' é desde hoxe a canción do verán 2018 da Galega. Por segundo ano consecutivo, o músico e compositor Gabriel Blanco, artífice de Plan Siberia, fíxose co concurso 'Este verán canta con nós'. Un galardón que sitúa este tema como a banda sonora da CRTVG durante toda a temporada.  

Amais do premio económico de 1.000 euros, este tema pop indie cun son moi actual, terá difusión nos distintos programas da Televisión de Galicia e da Radio Galega e nas súas redes sociais. Tamén pode escoitarse xa na nosa páxina web .

A canción gañadora cativou o xurado practicamente por unanimidade pola súa “letra orixinal e suxestiva, o seu ritmo pegadizo, ademais tamén da súa calidade e produción musical”. O xurado, composto polo artista Luís Iglesia, pola xefa de Contidos da TVG, Montse Besada; por Tania Fernández Lombao, xefa de Programas da Radio Galega, e por Fernando R. Ojea, director de Contidos da CRTVG, valorou o alto nivel e orixinalidade dos temas presentados e agradeceulles a todos os concursantes a súa participación nesta iniciativa, que estaba aberta tanto a profesionais como a afeccionados.

Na primeira edición deste certame, Plan Siberia levou a 'Xunto a ti' (2017) a converterse na canción favorita da Galega. Plan Siberia dá nome ao proxecto do pontevedrés Gabriel Blanco, de 31 anos, compositor cun amplo rexistro e con formación musical moi influenciada tamén polo seu paso por distintas agrupacións tradicionais.