CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Pimpinela celebra en 'Luar' corenta anos de éxitos cos temas do seu novo disco

26/11/2021

Danny Daniel, Vivian Lima, Grupo Tania Veiras, as orquestras Trébol e Salsarena e a agrupación A Pontevella son protagonistas tamén da noite coas súas propostas

Pimpinela celebra en 'Luar' corenta anos de éxitos cos temas do seu novo disco

Santiago, 26.11.2021.- O coñecido dúo Pimpinela regresa esta noite a Luar (21:55 h), en plena celebración dos seus corenta anos de traxectoria, éxitos e cancións coreadas por todas as xeracións seguintes. Os irmáns Lucía e Joaquín Galán, que volven cun novo traballo para conmemorar a súa carreira musical, presentarán algúns destes temas, amais de despedirse do público da Galega coa súa icónica "Al compás de una muiñeira", que compuxeron en homenaxe á nosa terra.

Outro dos pratos fortes desta edición será Danny Daniel, artista de grande éxito desde os anos 70 en España e América Latina. O popular cantante e compositor asturiano interpretará "El vals de las mariposas" e "Por el amor de una mujer", dúas das súas baladas de maior prestixio.

Xosé R. Gayoso e Trisha Fernández darán paso, ademais, ás actuacións da cantante e compositora brasileira, afincada en Portugal, Vivian Lima, e aos galegos Fania Blanco Show, á agrupación folclórica A Pontevella, ao Grupo Tania Veiras e ás orquestras Trébol e Salsarena.

No que respecta ás intervencións humorísticas, hoxe o programa gozará coas propostas do versátil Rafa Durán; Os Ramistas, dúo formado por Pedro Brandariz e Fran Rei, e Carmen, Gelines e don José, personaxes aos que dan vida Carlos Sante, Pablo Sánchez e Xaquín Domínguez.

Adrián Blanco (Terras de Compostela) e Marta Pacín (Terra Chá) competirán esta noite no certame "Recantos". E, pola súa parte, o concurso telefónico disporá este venres dun bote acumulado de 1.500 euros.