CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Pastel de carne de vaca criada na casa e patacas da horta, nunha nova entrega de "Larpeiros"

05/09/2017

O banquete estará completo cunha torta de crema de cúrcuma coa que as reposteiras Merche e Leni agasallarán o resto de comensais

Pastel de carne de vaca criada na casa e patacas da horta, nunha nova entrega de "Larpeiros"

Santiago, 05.09.2017.-     O programa culinario da Televisión de Galicia “Larpeiros” (22.10 h.) comezará hoxe cunha conversa animada sobre os animais criados ao aire libre. De seren criados na casa, os alimentos que despois se consomen teñen un sabor incomparable.

Para demostrar a teoría do equipo de lambóns, Benigno proporá un xantar diferente. Deixando a un lado o supermercado, os cociñeiros empregarán patacas e carne de verdade. Patacas botadas na horta e carne de vaca criada na casa. O prato principal será un pastel de carne e patacas, tamén coñecido como “pastel de casiña de campo” ou “empanada de pastor”, xa que se facía orixinalmente nas zonas rurais.

Adrián, o larpeiro viaxeiro, achegarase neste programa ata Cumbraos, no municipio lucense de Monterroso. Alí, Marta ensinaralle a calidade de vida que teñen as súas vacas, que viven no paraíso. Escoitando música clásica, admirando obras de arte e paseando ao seu antollo polos montes de Monterroso, vacas gozan dunha vida sa e mesmo feliz e iso nótase despois na calidade do leite ecolóxico que se moxe na granxa.  

Para rematar o xantar, o banquete estará completo cunha torta de crema de cúrcuma coa que as reposteiras Merche e Leni agasallarán o resto de “Larpeiros”.