CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'Pasaporte galego' vai ao encontro do actor Carlos Leal, que reside nos Ánxeles, para traelo de volta a Abadín, a terra dos seus pais

22/10/2018

Alí pasou todos os veráns da infancia e da adolescencia xunto coa súa familia, pero desde entón nunca volvera a Galicia (22.05 h.)

'Pasaporte galego' vai ao encontro do actor Carlos Leal, que reside nos Ánxeles, para traelo de volta a Abadín, a terra dos seus pais

Santiago, 22.10.2018.-     A Televisión de Galicia seguirá ofrecendo este luns máis historias con 'Pasaporte galego', as dos descendentes deses galegos de pro que un día marcharon de Galicia para construír un futuro que non tiñan.

Isabel Blanco irá hoxe ao encontro do actor e músico galego-suízo Carlos Leal, coñecido en España pola súa participación na serie 'El Internado'. No seu longo currículo como actor cabe destacar tamén a súa aparición na saga de James Bond 'Casino Royale', feito que determinou a súa andaina hollywoodiana.

Carlos Leal reside nos Ánxeles, California, onde, xunto coa súa muller Jo, está a labrar un futuro na meca do cine. Os pais de Carlos eran de Abadín, na provincia de Lugo. Alí pasou todos os veráns da infancia e da adolescencia xunto coa súa familia, pero desde entón ata agora nunca volvera a Galicia. Así e todo, o seu vínculo sentimental con esta terra é incondicional.

A volta desde Hollywood a Abadín, tras 25 fóra de Galicia, non será fácil, pero si será emocionante ver como finalmente se puido reconciliar coa terra dos seus pais e pechar así un círculo da súa vida.