CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Partido chave do Celta na Radio Galega para pechar a primeira volta contra o Raio Vallecano

10/01/2019

A partir das 20.45 h. do venres, o ‘Galicia en Goles’ retransmitirá o  vital encontro entre o Raio Vallecano e o conxunto vigués

Partido chave do Celta na Radio Galega para pechar a primeira volta contra o Raio Vallecano

Santiago, 11.01.2019.- Logo dunha semana sen compromisos copeiros tras a súa eliminación, o Celta e o Raio Vallecano abren este venres a última xornada da primeira volta da Primeira División. A partir das 20.45 horas, Toni López García conduce a edición do ‘Galicia en Goles’ que estará centrada na retransmisión do partido entre Raio e Celta, dous equipos en apuros.

A derrota do luns ante o Athlétic de Bilbao prendeu as alertas no equipo vigués, que  actualmente está na décimo cuarta posición, con 21 puntos, só catro máis que o Vilarreal, o primeiro equipo situado en zona de descenso. Os celestes afrontan o seu segundo encontro sen o líder do equipo, Iago Aspas, e buscarán pechar unha mala primeira volta cunha vitoria.

Pola súa parte, o Raio é o penúltimo da táboa, con 16 puntos, e afronta esta cita co obxectivo de obter tres puntos que lle permitían engancharse á pelexa pola permanencia na segunda parte da temporada.

Roberto Carlos Carballo desprázase ata o estadio de Vallecas, acompañado polo analista Marcos Basadre, que xunto a Víctor López desde Vigo conforman o equipo de comentaristas da Radio Galega. Na última hora do espazo, os oíntes poderán escoitar as declaracións do adestrador Miguel Cardoso, xunto aos xogadores que o Celta decida enviar á zona mixta.

A retransmisión do Raio - Celta poden seguila a través da FM, a TDT, radiogalega.gal e a aplicación para o móbil, ademais de pola canle de audio reservada para a Radio Galega na televisión propietaria dos dereitos, Bein Sports.

No ‘Galicia en Goles’, que prolongará a súa emisión ata a medianoite, tamén haberá oco para seguir o Basket Coruña - Arabérri da LEB ouro de baloncesto, o Zaragoza-  Parrulo da Liga Nacional de fútbol sala e a primeira xornada do Campionato de España de ciclocrós na localidade pontevedresa de Campañó.