CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'Adiviña quen vén esta noite', con Rozalén na Peregrina

13/08/2019

O programa estará, en directo, en Pontevedra para dar conta do ambiente que se vive na vila durante as súas populares festas

'Adiviña quen vén esta noite', con Rozalén na Peregrina

Santiago, 13.08.2019.- ‘Adiviña quen vén esta noite’ (22.25 h.) estará en Pontevedra, onde Rozalén é a protagonista do día. O programa presentado por Beatriz Serén vai descubrirlle á audiencia todo sobre as Festas da Peregrina. Ademais, o equipo do espazo quererá coñecer máis sobre a vida nesta vila: achegaranse aos lugares típicos para ir de viños e tapas, e achegaranse ata a praza de touros de Pontevedra, onde ter lugar a Feira Taurina.

Amais, a reporteira Noelia Rey estará, en directo, nas inmediacións de Montero Ríos para dar conta do ambiente que se vive na verbena e, pola súa banda, Fran Cañotas ten a misión de entregarlle á cantante Rozalén o chapeu do programa. Será quen de conseguilo como xa fixo con David Bisbal?

ler máis

A segunda entrega de ‘Milenio’ mostra casos relacionados coa Santa Compaña e imaxes dun exorcismo en Galicia

13/08/2019

Este novo espazo semanal da Galega está dirixido aos amantes do insólito, os misterios e os fenómenos paranormais

A segunda entrega de ‘Milenio’ mostra casos relacionados coa Santa Compaña e imaxes dun exorcismo en Galicia

Santiago, 13.08.2019.- 'Milenio' (23.30 h.), o programa dedicado aos misterios de Galicia, regresa esta noite á Televisión de Galicia con dous novas reportaxes relacionadas co mundo dos mitos, crenzas e fenómenos estraños acontecidos na xeografía galega.

ler máis

'Galicia por Diante' especial, este martes desde a praza María Pita da Coruña

12/08/2019

Con motivo das festas patronais, o magazine da Radio Galega pulsará, en directo, o ambiente que se vive na cidade, o programa das festas e música, entre outros contidos

'Galicia por Diante' especial, este martes desde a praza María Pita da Coruña

Santiago, 12.08.2019.-  O equipo do ‘Galicia por Diante’, dirixido por Kiko Novoa, deixa por un día o estudio da Radio Galega e sitúa este martes o seu set na praza María Pita da Coruña para recoller a actualidade da cidade, que durante todo este mes de agosto celebra as súas festas patronais.

Desde as 09.30 ata as 14.00 horas, o magazine da emisora pública galega pulsará o ambiente festivo e estival na Coruña a través de conexións con distintos puntos da cidade. No estudio móbil da RG conversarán sobre a extensa programación cultural e as actividades das Festas de María Pita coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e coa directora do Consorcio de Turismo de Galicia, Nava Castro, falarase tamén sobre o impacto do turismo.

O versátil artista Xurxo Souto achegarase aos micros da Radio Galega para contar historias curiosas sobre a cidade. Tamén o actor Suso Martínez intervirá caracterizado dun personaxe coñecido e o xornalista Rubén Ventureira, autor do calendario histórico anual sobre a cidade herculina, falará dos feitos históricos de relevancia que destaca no seu almanaque.

Nesta visita do ‘Galicia por Diante’ á Coruña é de obriga falar sobre o Deportivo, en concreto, con Míriam, a capitá do Real Club Deportivo Abanca, que esta temporada xoga na máxima categoría do fútbol feminino, e sobre as propostas e contidos dos Museos Científicos coruñeses, co seu director Marcos Pérez.

Nesta edición especial, a multiinstrumentalista Lydia Botana, natural de Culleredo, ofrecerá algún dos seus temas musicais máis recentes.

ler máis

O actor Alfonso Agra únese hoxe ao elenco de 'Malo será!', que se ofrecerá desde o teatro Afundación de Vigo

12/08/2019

Os espectadores da Televisión de Galicia serán testemuñas dun día na caótica Gelatería Leggiero e da visita a un veterinario por problemas cun can moi especial

O actor Alfonso Agra únese hoxe ao elenco de 'Malo será!', que se ofrecerá desde o teatro Afundación de Vigo

Santiago, 27.02.2019.-  Unha semana máis, a TVG seguirá achegando a televisión aos teatros do país cunha nova entrega do programa itinerante 'Malo será!' (22.00 h.), que nesta ocasión se ofrecerá desde o teatro Afundación de Vigo. Serán dúas horas de humor cos mellores cómicos da escena galega como protagonistas, aos que se unirá como convidado estrela o actor Alfonso Agra.

Neste programa, o público de Vigo e os espectadores da Televisión de Galicia serán testemuñas dun día na caótica Gelatería Leggiero, da visita a un veterinario por problemas cun can moi especial e tamén da retransmisión en directo das eleccións municipais de Vilacativa.

Marcos Pereiro, Federico Pérez, Lucía Veiga, Cristina Andrade, Oswaldo Digón, Santi Romay, Sara Fandiño, Carmen Méndez e Alfonso Agra serán os e actores e actrices que intervirán esta noite en 'Malo será!', baixo a batuta de Marta Doviro.

ler máis

'Vaia Troula' achega unha nova escolma das mellores festas galegas desde a Maruxaina de Cervo

11/08/2019

Amais desta celebración, o programa participará da Festa do Polbo do Carballiño, da Peregrina de Pontevedra e no Desfile de bandas mariñeiras da Guarda, entre outras

'Vaia Troula' achega unha nova escolma das mellores festas galegas desde a Maruxaina de Cervo

Santiago, 11.08.2019.-  O domingo pola noite ‘Vaia Troula’ (22.35 h.) chega de novo á Televisión de Galicia cun programa repleto de festas e alegría. Deste xeito, a presentadora Nieves Rodríguez dará a benvida aos espectadores desde a fermosa Festa da Maruxaina de Cervo. E as reporteiras do programa seguirán percorrendo toda Galicia para gozar das celebracións máis salientables destes días de lecer. Entre outras moitas, estarán na Festa do Polbo do Carballiño, nas Festas da Peregrina de Pontevedra e no espectacular Desfile de bandas mariñeiras da Guarda.

ler máis

Os trofeos de fútbol do verán galego, Teresa Herrera e Memorial Quinocho, este sábado, na CRTVG

10/08/2019

Os medios públicos ofrecerán o choque do Celta de Vigo co Lazio de Roma e, a continuación, o do Dépor fronte ao Real Betis

Os trofeos de fútbol do verán galego, Teresa Herrera e Memorial Quinocho, este sábado, na CRTVG

Santiago, 10.11.2019.-  Os medios públicos galegos, TVG e Radio Galega, ofrecerán este sábado dous dos torneos de fútbol máis destacados do verán galego: o Memorial Quinocho e o Teresa Herrera.

O clásico vigués, que este ano celebra a súa 24 edición en Balaídos, enfrontará, ás 20.00 horas, o Celta co Lazio italiano. Unha semana antes do comezo da Liga, o equipo de Escribá preséntase ante a súa afección cun ambicioso proxecto para mellorar a clasificación da pasada temporada e mesmo aspirar á zona dos postos que conducen a Europa. Roberto Prado narrará este partido para a Televisión de Galicia, apoiado por Xosé L. Mosquera; mentres que na Radio Galega será Roberto Carlos Carballo quen traslade a emoción do que suceda no céspede, cos comentarios de Víctor López e Moncho Carnero.

A continuación, a TVG ofrecerá a septuaxésimo cuarta edición do Teresa Herrera, o torneo decano das competicións de fútbol do verán, o máis antigo do mundo no que a trofeos amigables se refire. Nesta ocasión, o Deportivo xogará contra o Real Betis, un dos históricos do fútbol español que acode ao Abanca-Riazor para disputar por primeira vez un Teresa Herrera. Óscar Benito e Javier Oreiro realizarán os comentarios oportunos.

A Radio Galega transmite, amais, o trofeo Teresa Herrera feminino

Alfonso Pardo conducirá este sábado na Radio Galega a edición especial do ‘Galicia en Goles’ para contar a emoción do fútbol de verán. Desde as 18.00 horas, os micrófonos da emisora autonómica estarán en tres frontes. A primeira, en Riazor, onde o Deportivo da Coruña e o Granadilla de Tenerife disputan o trofeo Teresa Herrera feminino. Alfonso Núñez encargarase da narración dos noventa minutos de xogo, co apoio nos comentarios da especialista Rocío Candal. A segunda cita da tarde que ofrecerá a Radio Galega, con motivo do Memorial Quinocho, será Celta de Vigo-Lazio de Roma.

E despois do feminino, o terceiro encontro en xogo chegará en Riazor, co partido masculino polo Teresa Herrera entre o Deportivo e o Real Betis. Alfonso Núñez, desta volta, estará acompañado por Millán Gómez e Xosé Manuel Traba para retransmitir o partido de presentación do equipo herculino antes de debutar na Liga de segunda o domingo 18 ante o Oviedo.

ler máis

Novas xornadas da máxima competición de traiñeiras desde augas vascas, en directo, esta fin de semana na CRTVG

09/08/2019

Os medios públicos galegos ofrecerán as bandeiras de Ondarroa, o sábado en Biscaia, e ao día seguinte o trofeo de Hondarribia en Guipúscoa

Novas xornadas da máxima competición de traiñeiras desde augas vascas, en directo, esta fin de semana na CRTVG

Santiago, 02.08.2019.- Tras a parada ligueira para disputar o Campionato de España de Traiñeiras, retómase esta fin de semana a pugna na máxima categoría do remo en augas do País Vasco. Os medios públicos galegos, como é costume, ofrecerán as competicións masculina da Liga Euskotren e a Eusko Label feminina de ambas as dúas bandeiras, en directo.

O sábado, a partir das 18.00 horas, a atención da G2 e da web da CRTVG estará posta en Biscaia, onde se medirán as embarcacións na 35 edición da Bandeira Ondarroa. Esta regata disputarase no formato clásico de liña, con dous longos e unha ceavoga en modalidade feminina e catro longos e tres ceavogas na masculina.

E a maiores, as augas de Guipúscoa acollerán o domingo a 32 edición da Bandeira Mapfre Hondarribia na Liga Eusko Label e a II Mapfre Bandeira na Liga Euskotren desde as 11.30 horas. As quendas desta regata, que se disputará en catro longos para as embarcacións masculinas, formaranse en base á clasificación final da xornada do sábado en Ondarroa.

ler máis

O equipo de Un rural de cine II visitou a CRTVG e participou en 'A revista'

09/08/2019

Rapazas e rapaces de varias nacionalidades están a realizar unha curtametraxe sobre as mulleres rurais galegas neste campo de traballo audiovisual

O director Xabi López e o realizador Miguel Grandío falaron en ‘A revista’ sobre este proxecto, que se está a desenvolver en Cercedo-Cotobade

 

O equipo de Un rural de cine II visitou a CRTVG e participou en 'A revista'

Santiago, 09.08.2019.- As rapazas e rapaces do campo de traballo audiovisual Un rural de cine II visitaron o venres as instalacións dos medios públicos galegos como parte deste programa no que van realizar, baixo a dirección de Xabi López, unha curtametraxe sobre as mulleres rurais galegas. No marco da súa visita á CRTVG, membros do equipo foron entrevistados en ‘A revista’ para falar desta iniciativa que quere pór en valor o rural galego.

ler máis

A fin de festa do Festival Intercéltico de Lorient, en directo no Facebook da Galega

09/08/2019

A TVG retransmite por Facebook Live os concertos deste venres, sábado e domingo, os últimos deste festival de música celta

Un equipo do medios públicos galegos desprazouse ata a cidade bretoa para cubrir durante toda a semana o evento, que este ano está dedicado a Galicia

A fin de festa do Festival Intercéltico de Lorient, en directo no Facebook da Galega

Santiago, 09.08.2019.- A música e a cultura galegas son as protagonistas da 49 edición do Festival Intercéltico de Lorient, ata onde se desprazou un equipo da TVG para dar conta do que acontece neste encontro, que reúne artistas de todas as nacións celtas e que este ano homenaxea a Galicia.

ler máis

Regresa 'Inimitables', espazo da TVG que realza a nosa música, cun percorrido polas principais romarías galegas

09/08/2019

Desde Vilanova dos Infantes, Arturo Fernández proporá coñecer as variadas feiras e procesións que tanto lles gustan aos galegos

Regresa 'Inimitables', espazo da TVG que realza a nosa música, cun percorrido polas principais romarías galegas

Santiago, 09.08.2019.- O espazo ‘Inimitables’ (22.10 h.) regresa hoxe á grella da Televisión de Galicia coa mellor música galega. Esta proposta para os venres á noite na TVG estará de novo capitaneada por Arturo Fernández, que cada semana terá por obxectivo ofrecer os mellores sons e as historias que hai tras as cancións galegas. Nesta terceira temporada, o programa continuará na mesma liña de indagar nos aspectos máis íntimos de diversas formacións e ofrecendo a música máis destacada dunha selección de grupos e artistas. Nesta ocasión, ‘Inimitables’ arranca cun percorrido polas principais romarías de Galicia.

Co lema ‘A mellor romaría do mundo’, o espazo daralles a benvida aos espectadores desde a dezaoito edición da romaría etnográfica Raigame, na localidade ourensá de Vilanova dos Infantes, para realizar un repaso polas variadas e numerosas feiras e procesións que tanto lles gustan aos galegos. Así, ‘Inimitables’ vai estar nos Caneiros, no Naseiro, no San Benitiño... e para iso, viaxará desde A Franqueira ata Santo André de Teixido. Romarías viquingas, relixiosas, medievais, gastronómicas ou curiosas, que se preparen os espectadores, porque se van ver todas e serán as propias romarías os ‘Inimitables’ de hoxe.

Dirixido por Senén Bernárdez, ‘Inimitables’ conta en cada edición con conversas cos músicos e cantantes sobre curiosidades das letras das cancións que interpretan, o xeito en que adaptaron os temas, a mensaxe das mesmas e divertidas anécdotas.

Tras o remate desta edición de ‘Inimitables’, a TVG emitirá de novo o programa en que as mellores voces do panorama galego cantaron os grandes temas de Julio Iglesias. Lito e Irene Iglesias, da orquestra Panorama; Noli e Eric, dos Satélites; Lucía Pérez e Vizcaíno, Alberto Cunha, Paty Lesta e Antonio Barros son os intérpretes da súa música, pero tamén falan da vida do artista. O presentador Arturo Fernández vertebra un espectáculo musical nunha sala de festas que se converte no escenario ideal para bailar, cantar e gozar da música deste inimitable. Poderase escoitar, amais, o primeiro éxito de Julio Iglesias, cos medos dos seus comezos, o amor ao que tantas voltas lle deu, as confesións sobre a súa familia e todo o que significa para el Galicia.

ler máis