CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A comunidade educativa do CEIP de Meaño gaña o concurso da canción de Nadal da CRTVG

11/12/2019

Máis de 300 participantes, entre cativada, profesorado, pais, nais e os músicos/as da Banda Unión Musical, fixeron posible a panxoliña ‘Saúde e cante o merlo’

Este tema impúxose a outras 23 propostas chegadas de toda Galicia polos seus ritmos alegres e por transmitir emocións e valores propios destas datas

A comunidade educativa do CEIP de Meaño gaña o concurso da canción de Nadal da CRTVG

Santiago, 11.12.2019.- Un colexio do Salnés fíxose coa quinta edición do concurso musical ‘Este Nadal canta con nós’, co que a CRTVG escolle a melodía destas festas para felicitar a todos os galegos. O alumnado do CEIP As Covas de Meaño gañou con Saúde e cante o merlo a convocatoria, unha panxoliña de ritmos alegres que evoca as emocións e os valores familiares propios destas datas. Foron 24 os temas presentados e chegados de toda Galicia, e deles poderanse escoitar as cinco cancións finalistas a través das redes sociais da CRTVG.

Ademais dos 1.000 euros da dotación económica do premio, as máis de 300 persoas que participaron na realización da canción, entre cativada de infantil e primaria, profesorado, pais e nais e os músicos da Banda Unión Musical de Meaño, poderán escoitar o tema gañador na programación da TVG e a Radio Galega, así como nos soportes dixitais e polas redes sociais da CRTVG durante todo o Nadal. A maiores, a Televisión de Galicia empregará o tema ‘Saúde e cante o merlo’ como sintonía durante as festas.

O xurado estivo integrado polo director de Contidos da TVG, Fernando R. Ojea; a subdirectora de Programación e Emisións da CRTVG, Rosa Sierra; a xefa de Programas da Radio Galega, Tania F. Lombao; a xefa de Extensión Audiovisual da CRTVG, Alba Mancebo; o coordinador creativo da CRTVG, Daniel Portela; a redactora da área de Contidos María Rial, e o presentador e humorista Paco Lodeiro. Na súa valoración, salientaron o rifada que estivo a selección, a variedade de estilos e o nivel das propostas presentadas.

Esta é a quinta edición do concurso musical, que anteriormente gañaron Iván Vale, coa canción ‘O meu Nadal perfecto’; Plan Siberia, con ‘Xunto a ti’, os alumnos e profesores do CEIP San Clemente de Caldas de Reis, con ‘Cando é Nadal’ e, finalmente, Susana Martínez, co tema ‘O Sinal’.

ler máis

Os vídeos dos 'presentadores por un día' realizados no Culturgal, xa dispoñibles na web da CRTVG

11/12/2019

Os asistentes á Feira de Industrias Culturais, celebrada en Pontevedra do 29 de novembro ao 1 de decembro, amosaron un grande interese por poñerse diante dunha cámara e ler unha noticia ao xeito dun presentador do telexornal

Os vídeos dos 'presentadores por un día' realizados no Culturgal, xa dispoñibles na web da CRTVG

Santiago, 11.12.2019-    Os vídeos dos 'presentadores por un día', realizados polo público no stand da CRTVG na pasada celebración do Culturgal, en Pontevedra, están xa dispoñibles nesta mesma web, premendo aquí.

Os asistentes á Feira das Industrias Culturais de Galicia, celebrada do 29 de novembro ao 1 de decembro, amosaron un grande interese por experimentar a sensación de poñerse diante dunha cámara e ler unha noticia ao xeito dun presentador do telexornal.

A realización destes vídeos foi posible grazas á instalación dun estudio virtual Chroma-Key no set do que dispoñía a Televisión de Galicia no Pazo da Cultura pontevedrés. Nel, os visitantes convertéronse, por un intre, en presentadores dun informativo, véndose reflectidos nunha pantalla de gran formato e inmersos no decorado característico dun telexornal da TVG.

No stand da CRTVG tamén se puido vivir a experiencia de realidade virtual 'Un país en 360', un programa, gravado con cámaras 360, que utiliza a tecnoloxía para achegarlles aos espectadores o patrimonio natural e monumental de Galicia e que chegou ao prime time da Televisión de Galicia o pasado luns. Presentado por Estíbaliz Espinosa, 'Un país en 360' descobre Galicia de forma inmersiva, xa que é o público o que está no centro da acción.

ler máis

Chega ao 'prime time' dos mércores a nova serie 'Do dereito e do revés', unha comedia sobre galegos que precisan un avogado

11/12/2019

Con guións de Xosé Cermeño, creador de 'Pratos combinados', esta ficción (22.05 h) constrúe historias de enredo con personaxes, escenarios e ambientes comúns na vida cotiá

As tramas desta nova aposta da TVG, con Víctor Fábregas, Susana Sampedro, Sergio Pazos e Casilda Alfaro como protagonistas, dispararán conflitos en todas as direccións, con moita ironía, pingas de tenrura e humor branco

Chega ao 'prime time' dos mércores a nova serie 'Do dereito e do revés', unha comedia sobre galegos que precisan un avogado

Santiago, 11.12.2019.-    A Televisión de Galicia estrea este mércores a súa nova serie, 'Do dereito e do revés', unha comedia sobre galegos que precisan un avogado. Producida por Think First para a TVG, conta con guións de Xosé Cermeño, creador da mítica ficción 'Pratos combinados'.

En 'Do dereito e do revés' atoparanse personaxes con oficios e ocupacións que propician un espello social amplo e diverso. Ademais, as tramas desenvólvense en espazos e ambientes pouco vistos na ficción galega. Esta comedia inclúe a presenza de tres xeracións de mundos moi distintos que axudan a disparar os conflitos en todas as direccións, todo isto con ironía, pingas de tenrura e humor branco. A nova aposta da TVG tratará asuntos de contido familiar que lle achegarán á audiencia personaxes, escenarios e ambientes comúns na vida cotiá.

Dirixida por Manuel Espiñeira, premio Mestre Mateo á Mellor Dirección por 'Serramoura', ten como protagonistas os actores Víctor Fábregas, Susana Sampedro, Sergio Pazos, Xoel Fernández, Casilda Alfaro, Alberto Montes e Alicia Armenteros.

A trama desta serie desenvólvese a partir de que Adela, unha muller madura, volve á vila onde ten as súas raíces familiares e algunhas propiedades. Alí está o seu fillo, Moncho Patiño, un avogado sen moito éxito, separado de Sara, unha muller con iniciativa e dona dun ximnasio de artes marciais. Moncho vive coa filla de ambos, Lucía, que ten unha web de información local.

Moncho non é demasiado malvado, nin parvo de todo. Pero é menos listo do que el pensa. E iso é un problema para un avogado que ten a súa fonte de traballo nos conflitos e problemas dunha vila. Asuntos de todas clases pasan pola súa mesa: disputas por  terras, enganos ao seguro, herdanzas, despedimentos, erros médicos, xuízos por roubo ou por estafa... A realidade estará chea de problemas coa familia, co traballo, cos cartos, cos intereses propios e os alleos. A tentación de resolver os asuntos como resulte mais fácil e proveitoso é sempre moi poderosa para Moncho. Pero o camiño máis fácil non sempre é o máis recto nin o máis sensato, nin sequera o máis legal, e ten riscos e consecuencias.

No primeiro capítulo de 'Do dereito e do revés', os espectadores verán como Moncho Patiño está a piques de pechar a venda dun baixo comercial. Realmente o baixo non lle pertence, pero ese é un problema menor. O que si lle supón un atranco é atopar alí a súa nai Adela. Ela é a dona lexítima do local e pretende abrir un negocio inmobiliario. Esgotada a vía legal, e da moral mellor nin falar, ao avogado non lle queda outra que recorrer á vía executiva. É dicir, botar a súa nai de volta á aldea polas bravas.

ler máis

O concerto de Marful, o máis escoitado de jazz dos ofrecidos este ano no Facebook da Radio Galega

10/12/2019

Este foi o primeiro e único recital emitido en directo e o que obtivo un maior impacto, dobrando ao seguinte con máis alcance

A audiencia dixital deste evento, que supuxo o regreso da banda, chega case ata as 14.500 visualizacións
 

O concerto de Marful, o máis escoitado de jazz dos ofrecidos este ano no Facebook da Radio Galega

Santiago, 10.12.2019.-   As propostas da Radio Galega a través do seu Facebook Live gañan seguidores en cada emisión. Dentro da súa estratexia de innovación, o último evento que a emisora pública ofreceu en streaming na rede social foi o concerto especial de Marful en Culturgal, o pasado 30 de novembro, transmisión que tivo unha audiencia dixital ese mesmo día de 11.292 persoas. Este foi o máis escoitado de todos concertos de jazz emitidos en 2019 no Facebook da Radio Galega, en que se puido gozar, amais, da música de Sumrrá, de Marcos Teira, de Valentín Caamaño Cuarteto, de Pablo Castaño Quartet, de Carlos Barruso, de Pablo Sanmamed Trío e de Jorge Pardo Quarteto.

Ata o momento, foi tamén o primeiro e único ofrecido en directo e o que obtivo o maior impacto, ao dobrar ao seguinte artista con máis alcance, que chegou a unhas 5.400 persoas. A Radio Galega pecha, así, un ano de concertos de jazz coa audiencia máis alta.

Este recital, que supuxo o reencontro nos escenarios do grupo composto por Marcos Teira, Pedro Pascual, Pablo Pascual e Ugía Pedreira, e actuou acompañado nesta ocasión pola cantante de Operación Triunfo Sabela Ramil, acadou ata hoxe as 14.461 visualizacións e un total de 561 reaccións, comentarios e vídeos compartidos.

Na súa vocación de servizo público, a CRTVG volveu ter un sitio de seu na Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, celebrado no Pazo da Cultura de Pontevedra, entre o venres 29 de novembro e o domingo 1 de decembro. No stand da Corporación puido vivirse a experiencia de realidade virtual de ‘Un país en 360’, un programa, gravado con cámaras 360, que utiliza a tecnoloxía para achegarlles aos espectadores o patrimonio natural e monumental de Galicia, así como ser presentador por un intre dun telexornal, coa instalación dun estudio virtual ou Chroma-Key, e asistir á presentación de ‘María Soliña’, película participada polos medios públicos galegos. A Radio Galega, pola súa parte, ofreceu tamén o ‘Diario Cultural’ en directo desde o certame, amais do concerto do grupo Deteriorados.    

ler máis

Oficios antigos e bonitas receitas na xuntanza deste martes no 'Larpeiros Social Club'

10/12/2019

Na cociña, prepararán unha ensalada de pementos con mexillóns, unhas fabas estufadas, un polo ao chilindrón e un biscoito de laranxa con crema de queixo (22.05 h)

Oficios antigos e bonitas receitas na xuntanza deste martes no 'Larpeiros Social Club'

Santiago, 10.12.2019.-     Cociña, grandes conversas, risas e música. Isto é o que ofrecerá, unha semana máis, o programa ‘Larpeiros Social Club’, onde hoxe se falará de antigos oficios, aqueles que tiñan moitos dos nosos avós non hai tantos anos. Ferreiros, zoqueiros, leiteiras... Moitos destes oficios xa se perderon para sempre, pero outros aínda perduran grazas ao esforzos de xentes de aquí e acolá. O que está claro é que nunha cociña sempre haberá cociñeiros.

E, grazas a este oficio universal, existen outros moitos: non hai quen corte un queixo sen un coitelo xeitoso ou quen pesque un peixe sen boas redes... Neste programa, estes oficios serán fonte de inspiración para atopar o agasallo perfecto para Lola. E na cociña, non faltarán pratos dos de sempre, cunhas receitas ben bonitas que precisarán culler, garfo e coitelo para lles dar feito: unha ensalada de pementos con mexillóns, unhas fabas estufadas e un polo ao chilindrón. E, para rematar a troula, un biscoito de laranxa con crema de queixo e arandos.

ler máis

O 'Diario cultural' da Radio Galega realízase este martes, en directo, desde a Fundación Camilo José Cela

10/12/2019

A emisora pública lembra o legado do recoñecido escritor na data en que  fai 30 anos de que lle concederan o Premio Nobel en Estocolmo

O 'Diario cultural' da Radio Galega realízase este martes, en directo, desde a Fundación Camilo José Cela

Santiago, 10.12.2019.-  O 'Diario cultural' da Radio Galega ofrece este martes, ás 17.00 horas, unha edición especial desde a Fundación Camilo José Cela en Iria Flavia en homenaxe ao recoñecido escritor galego. O espazo radiofónico lembra a figura e a obra do autor de 'La colmena' cando se fai 30 anos da concesión do Premio Nobel de Literatura en Estocolmo.

Nesta xornada, en que Peter Handke recibe o galardón máis importante das letras do mundo, a xornalista Isabel Pichel conversará con persoas que estiveron presentes na cerimonia de entrega do Premio Nobel a Cela Trulock, como é o caso de Xurxo Fernández, quen por aquel entón traballaba no xornal 'El Correo Gallego' e foi o responsable de ilustracións que acompañaron textos de Cela, e de Pedro Calvo Sotelo, ex-agregado cultural da embaixada española en Suecia.

Ao longo desta edición especial, o 'Diario cultural' ofrecerá unha entrevista a Camilio José Cela Conde, realizada na biblioteca da Real Academia Española, sobre a significación e a relación con Galicia na obra do seu pai, entre outras cuestións.

Outra das convidadas esta tarde será Covadonga Rodríguez, subdirectora da Fundación Camilo José Cela, con quen se falará sobre o legado literario e artístico que se conserva na institución, onde destaca a súa colección de manuscritos, un rico epistolario e unha biblioteca coas edicións da súa obra e con estudos sobre a mesma, unha hemeroteca con referencias ao autor e unha pinacoteca con obras de Picasso e Miró, entre outros.

ler máis

A TVG convida a coñecer Galicia como nunca se vira no novo programa 'Un país en 360'

09/12/2019

É o primeiro programa que incorpora a estereoscopía e o 360º nun concepto multiplataforma e que xerará vídeos para seren vistos en 360º combinado con 3D na canle de YouTube da Galega a través de lentes 3D

A experiencia permitirá coñecer a riqueza dos espazos naturais e monumentais galegos, pero desde unha óptica ben diferente (22.10 h)

A TVG convida a coñecer Galicia como nunca se vira no novo programa 'Un país en 360'

Santiago, 09.12.2019.-    Santiago.-     A Televisión de Galicia estrea este luns ‘Un país en 360’, o seu primeiro programa de televisión que incorpora o 3D e o 360 nun concepto multiplataforma e que xerará pezas para seren vistas en 360 ou en estereoscopía no YouTube da televisión pública. Todo isto, co obxectivo de poñer os espectadores no centro da acción, nun paseo innovador polo patrimonio e a paisaxe. ‘Un país en 360’ é unha aposta dos medios públicos galegos pola innovación e a nova linguaxe audiovisual combinada coa intención de difundir a riqueza dos espazos naturais e monumentais, pero cun punto de vista ben diferente.

O novo programa da TVG levará a audiencia a lugares como a Ribeira Sacra, a Mariña lucense, a Costa da Morte ou as Illas Atlánticas, na compaña de convidados diferentes cada semana. Os espectadores/as poderán, por primeira vez, observar os 360 graos dos lugares máis representativos da comunidade, xunto a imaxes esféricas, efectos little planet ou selfies tipo ‘Matrix’ e ángulos nunca vistos, interactuar e elixir o plano que queiran ver. ‘Un país en 360’ foi gravado maioritariamente con cámaras 360 e de 3D, o que  permitirá descubrir Galicia dun xeito inmersivo, xa que o público vai estar no centro da acción.

A cámara 360 que levará a presentadora, Estíbaliz Veiga, será capaz de saír polas ventás, introducirse no oco das árbores, achegarse ao alto dos retablos ou mergullarse no fondo mariño. Cada semana e levando na man un soporte coa cámara, Veiga fará deporte, entre outros, barranquismo, esnórquel, piragüismo, ioga ou sendeirismo, falará coa veciñanza e presentará os monumentos máis salientables.
    
‘Un país en 360’ fará o patrimonio e a paisaxe galegos accesibles para todos e terá un bloque final en que persoas con diferentes capacidades dirixirán un voo dun dron que sobrevoará paraxes inaccesibles doutro xeito para o público.
    
Na primeira entrega, o espazo da Televisión de Galicia visitará a Ribeira Sacra. Estíbaliz Veiga bañarase enriba dun cabalo nunha lagoa de Monforte, percorrerá a ruta dos Bosques Máxicos de Castro Caldelas e achegarase ao románico de Pantón e O Saviñao. Ademais, descubrirá con Milucho o segredo da bica e acompañará a Isaac nun emocionante voo polos canóns do Sil.

ler máis

Este domingo, en 'A Estiba', a insostible situación no porto estoupa co asasinato dun estibador crebafolgas

08/12/2019

Manuela descobre que o seu pai traballaba para César e que os movementos de cartos tamén salpican a Mercedes

Este domingo, en 'A Estiba', a insostible situación no porto estoupa co asasinato dun estibador crebafolgas

Santiago, 08.12.2019.-   Na entrega desta semana de ‘A Estiba’ (23.00 h), a situación no porto é insostible. Xavier é un deses estibadores desesperados. A súa muller Helena dille que necesitan cartos. Teñen un fillo pequeno e a Xavier non lle queda outra que ser un crebafolgas. Ao pouco de volver ao traballo, aparece aforcado nun dos guindastres, asasinado.

Manuela está cabreada porque César e os seus homes baixaron o corpo de Xavier alterando a escena do crime. Os estibadores son os principais sospeitosos. Para defenderse, César dille a Antón que investigue quen foi o culpable da morte, pero, precisamente, é o ADN de Antón o que aparece no corpo de Xavier. Antón ten coartada, pero Cruz, nunha noite de excesos, dálle o nome do rapaz á prensa e sinálao como principal sospeitoso da morte do estibador.

No concello tamén están a sufrir as consecuencias do asasinato. A presión de Marcos sobre os estibadores sinálao como parte culpable e Ardora vólvese na súa contra. Para calmar os ánimos, Estevo, o tenente de alcalde, propón unha entrevista. Pero Marcos quéntase e muda o relato conciliador, acusando directamente a César. Se Marcos non quere perder o cargo, o mellor será que pida axuda. Estevo pásalle o contacto de Lionel,  un misterioso home de negocios que semella interesado en Ardora e no proxecto do porto.

Despois de que Marcos, para non manchar a súa imaxe, lle retire a oferta de traballo a Rosalía, a mediana das Fortes chama á porta de Lionel. O encargado de Recursos Humanos non quere saber nada dela, xa que está marcada. Pero cando Lionel a escoita falar é consciente do potencial da ex de Marcos e decide contratala.

Mentres tanto, na comisaría, Sofía non afrouxa. Manuela atópaa na súa casa, con Mercedes. Consciente do perigo, Manuela pídelle axuda a Kubala para revisar a documentación de Emilio e descobre que o seu pai traballaba para César e que os movementos dos cartos tamén salpican a Mercedes. Para salvar a familia, Manuela e as súas irmás destrúen esa parte da documentación. Cando Kubala se decata do que fixo Manuela, cabréase con ela, unha rifa que o achega cada vez máis a Sofía.

ler máis

O cantante murciano Xuso Jones e a artista lucense Alba Messa presentan esta noite os seus novos traballos no programa 'Bamboleo'

07/12/2019

O espazo presentado por Lucía Regueiro (22.05 h) ofrecerá tamén a actuación da orquestra Xacobeo

O cantante murciano Xuso Jones e a artista lucense Alba Messa presentan esta noite os seus novos traballos no programa 'Bamboleo'

Santiago, 07.12.2019.-   O programa musical e de entretemento ‘Bamboleo’ contará este sábado coa presenza do artista murciano Xuso Jones, que desde que chegou á música case por casualidade grazas a un vídeo viral, non parou de dar pasos adiante. Jones está a presentar o seu novo sinxelo, ‘Mil pasos’, o primeiro aperitivo do seu terceiro disco, que verá a luz en 2020. Trátase dunha versión da canción homónima composta pola artista francesa Soha, que o cantante adaptou cun estilo fresco e orixinal.

O espazo da TVG tamén ofrecerá as actuacións da orquestra Xacobeo e da cantante, compositora e actriz Alba Messa, que leva practicamente toda a súa vida sobre os escenarios. A artista interpretará temas do seu primeiro LP, ‘Con todas las consecuencias’, un proxecto con 11 cancións da súa autoría, que presenta unha música máis electrónica, cool e internacional, amosando unha clara evolución musical e estética de Messa.

No escenario tamén estarán Alexandra Suárez, interpretando a icónica canción ‘Lela’, e Txus López, co tema ‘Every breath you take’, de The Police, para competir ambos os dous no ‘Agora ou Nunca’.

Ademais, coma sempre, ‘Bamboleo’ ofrecerá as seccións ‘A ITV do amor’, onde un concursante terá que adiviñar cal é a verdadeira parella dunha persoa a partir de certas probas; ‘A Jrileira’, con Fran e Víctor competindo no karaoke coa canción ‘Fiera inquieta’, de ‘Paixón de Gaviáns’, e ‘Dirtidansi’, en que a parella formada por Adrián e Yana Olina ofrecerán o seu showdance.

ler máis

Co novo programa 'Doutor en Galicia', a TVG achegarase ao traballo dos profesionais da sanidade galega

06/12/2019

Na estrea deste sábado (19.55 h), estará cun médico dun PAC, un xinecólogo, unha pediatra, unha enfermeira pediátrica e unha doutora de familia

Co novo programa 'Doutor en Galicia', a TVG achegarase ao traballo dos profesionais da sanidade galega

Santiago, 06.12.2019.-   Este sábado chega á grella da TVG o novo programa ‘Doutor en Galicia’, que semana a semana viaxará por todo o territorio galego para conversar cos profesionais da  sanidade galega e saber do seu traballo e os lugares onde o desenvolven. Os espectadores saberán tamén por que escolleron esta profesión e a que dedican o seu tempo de lecer cando non están coidando da nosa saúde.

ler máis