CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Arranca a recta final de 'Pazo de familia', serie cuxo final, por primeira vez na historia da TVG, escollerán os espectadores

14/11/2018

Nesta última temporada, chea de importantes novidades e que hoxe comeza cun capítulo moi triste, a audiencia saberá como se resolven as frontes que aínda quedan abertas

Homenaxe a unha ficción que marcou época cun especial do programa 'Vin polo vento'

Arranca a recta final de 'Pazo de familia', serie cuxo final, por primeira vez na historia da TVG, escollerán os espectadores

Santiago, 14.11.2018.-    A TVG estrea esta noite os últimos capítulos de 'Pazo de familia' (22.15 h.) e, por primeira vez na historia da canle pública, os espectadores van poder escoller o final que queren para a súa serie. O equipo da ficción gravou dous finais distintos e van ser os seguidores de 'Pazo de familia' os que decidan o seu desenlace preferido.

Nesta recta final, os espectadores saberán como se van resolver as frontes que aínda quedan abertas: como remata o triángulo Sara-Emilio-Eva? Que vai pasar cos negocios sucios de Carlos e dona Leonor? Sairá Nino do cárcere? Quen resultará vencedor da guerra aberta entre os Pardo-Veiga e os Moure?

Ademais, o final de 'Pazo de familia' trae importantes novidades. Os seguidores da serie terán que lamentar a perda dunha das personaxes máis queridas. Tamén, antes do final producirase un terrible asasinato. Os espectadores reencontraranse con vellos coñecidos, xa que volverán ver os personaxes de Lolo e María, os fillos de Sara, e tamén vivirán unha voda por todo o alto. Quen casa con quen? Celebrarase o enlace sen incidentes?

Esta última temporada de 'Pazo de familia' comeza cun capítulo que terá un final moi triste. Tomás substitúe na xudicatura a Mónica, investigada por asociación criminal. Isto provoca que Moncho teña que fuxir. Será que Sara o acompaña e algo se torce na súa viaxe?

Por outro lado, descóbrese que os matóns que lle deron a malleira a Alberto foron contratados pola súa propia nai para afastalo de Claudia. Será que as familias dos rapaces están dispostos a ir aínda máis alá para que non acaben xuntos?

Terá que ver ese final triste con Nino ou con Rita, disposta a calquera cousa para sacalo do cárcere, ata roubarlles aos Pardo Veiga? Ou mesmo con Marisiña e Tomaso, preocupados polos preparativos para a visita do señor Cosme?

ler máis

Paraíso vexetal na cociña dos 'Larpeiros', onde as verduras serán esta noite protagonistas

13/11/2018

Prepararán bacallau con crema de espárragos e caponata galega con berenxenas (22.20 h.)

Paraíso vexetal na cociña dos 'Larpeiros', onde as verduras serán esta noite protagonistas

Santiago, 13.11.2018.-    Os 'Larpeiros' da TVG non falarán este martes de peixe nin de carne, senón dos tesouros da horta galega: pementos, leitugas, patacas, fabas... As verduras sempre tiveron un papel importante na cociña do programa, pero agora tócalles ser as protagonistas. Hai quen as quere de acompañamento, como Lola, e quen as prefire soas cun pouco de bo aceite. Sexa como sexa, o caso é que son moi sas e sempre son un acerto.

Pensando neste paraíso vexetal, Benigno Campos terá unha grande idea para sorprender os seus amigos. Quere cociñar bacallau, unha das súas debilidades, cunha crema de espárragos. Unha receita rica, sinxela e ben orixinal. Mentres, Carlos Parra, o cociñeiro convidado desta semana, agasallará os compañeiros cun primeiro prato moi curioso: caponata galega con berenxena.

Pola súa parte, Adrián, o “larpeiro” máis viaxeiro, collerá rumbo a Meis, na comarca do Salnés, para coñecer os mellores produtos que dá esta terra. Traballará duramente como agricultor, da man do seu amigo Álvaro, para cultivar unhas verduras de calidade.

ler máis

'O caderno de Isabel' descubrirá hoxe as receitas máis tradicionais que se poden facer coa boa carne de Terra de Montes

13/11/2018

Como cabeceira de comarca, Forcarei ofrecerá a súa richada, mentres que as xentes de Soutelo de Montes cociñarán callos con cogomelos (23.05 h.)

'O caderno de Isabel' descubrirá hoxe as receitas máis tradicionais que se poden facer coa boa carne de Terra de Montes

Santiago, 13.11.2018.-    Terra de Montes é esta semana o destino do programa 'O caderno de Isabel', polo que as receitas van estar moi pegadas á boa carne da que goza a Pontevedra interior. Como cabeceira da comarca, Forcarei ofrecerá a súa richada, carne que “richaban” os arrieiros cando ían transportando o viño desde o Ribeiro ata Santiago de Compostela. Ao pasar por Terra de Montes e quedar atrapados pola neve, facían parada e cociñaban a carne para alimentarse.

Pero o espazo da TVG non pasará por alto unha das vilas con máis entidade propia, Soutelo de Montes. As súas xentes van cociñar callos acompañados dos cogomelos de Soutelo. A través da receita, os espectadores comprobarán como esta vila está moi unida para recuperar tradicións e evitar sufrir o temido despoboamento doutras paraxes rurais do interior de Galicia.
    
Tamén vai haber sobremesa. Para isto o programa visitará outro dos concellos da Terra de Montes, Cerdedo, onde aproveitan na matanza do porco a súa vexiga para conter un dos doces máis saborosos e descoñecidos: a vincha.

A cociñeira Isabel sufrirá algún contratempo pola Serra do Candán, pero dunha pedra no camiño sairán oportunidades para coñecer veciños e receitas que nunca pensaría. Veciños que formarán parte dunha xuntanza final no idílico mosteiro de Aciveiro.

ler máis

O Teresa Herrera, primeira retransmisión en directo da nova web da Radio Galega

12/11/2018

A web radiogalega.gal retransmite este mércores os encontros do Deportivo masculino e feminino

O Teresa Herrera, primeira retransmisión en directo da nova web da Radio Galega

Santiago.12.11.2018.- A nova web da Radio Galega estrea este mércores retransmisións en directo. E para dar comezo a esta nova etapa, a Radio Galega apostará polo fútbol. A través de radiogalega.gal e a aplicación para o móbil, os oíntes poderán seguir os dous partidos do Trofeo Teresa Herrera.

Desde as seis da tarde, Toni López García dirixe unha edición especial de “Galicia en Goles”, que arrancará coa disputa do partido feminino entre o Deportivo da Coruña e o Athletic Club de Bilbao. O equipo herculino lidera a Segunda División e vai medir o seu potencial ante o sétimo clasificado da Superliga.

A continuación chegará o enfrontamento entre os dous equipos masculinos. O Dépor afronta a visita do Athletic nun excelente momento, ocupando a terceira praza na Segunda División e tras golear 4-0 o Oviedo. Distinta é a situación do conxunto que dirixe o Toto Berizzo, que perdeu na prolongación no Metropolitano e pasa por momentos complicados na táboa, pelexando por escapar dos postos de perigo.

Andrés Vieites, Raúl Villares, Rocío Candal e Xosé Manuel Traba encargaranse de retransmitir as dúas citas do Teresa Herrera, do que tamén falará a edición nocturna de 'Ao contraataque', a partir das once, xa na FM e a TDT na canle convencional da Radio Galega.

ler máis

A TVG vai á procura de 'O mellor magosto do mundo' para celebrar o San Martiño coa súa audiencia

12/11/2018

O equipo deste especial coñecerá os mellores festexos galegos desde Carballo, Teo, Moaña, Vigo, Parada de Sil e Ourense

A TVG vai á procura de 'O mellor magosto do mundo' para celebrar o San Martiño coa súa audiencia

Santiago, 12.11.2018.-  Televisión de Galicia celebra esta noite coa súa audiencia o San Martiño ofrecendo un especial en que, desde o interior á costa, irá á procura de 'O mellor magosto do mundo” (22.10 h.), evento popular multitudinario en numerosas localidades galegas en que se resalta a castaña como protagonista. Para este cometido, as reporteiras do especial, Natalia Penas, Fátima Mella e Belén Rivero recollerán anécdotas, as mellores receitas, as tradicións e as historias das persoas, que acoden a celebrar a principal festa gastronómica do outono.

Este escolma de celebracións en busca de 'O mellor magosto do mundo' comeza na vila de Carballo, máis concretamente na parroquia de Cances, que acolle un dos magostos máis tradicionais desde o punto de vista dunha vila pequena. Nesta festa repártense castañas asadas acompañadas de viño e tamén de biscoitos con chocolate.

Tamén na provincia da Coruña, na parroquia de Calo, en Teo, se celebra unha das maiores feiras cabalares de toda Galicia, a do lugar de Francos. Milleiros de persoas danse cita neste emprazamento para asistir, amais, á exposición de razas de gando autóctonas, á feira de artesanía e de produtos ecolóxicos e para ir degustar o mellor polbo da zona.

A parroquia de San Martiño, no concello pontevedrés de Moaña, rende homenaxe ao seu patrón con actos relixiosos e musicais. Neste percorrido non podía faltar Vigo, xa que a súa praza do Berbés acolle un dos magostos urbanos máis concorridos, con quilos e quilos de castañas asadas de balde que se degustan ao ritmo da música tradicional.

Outra das localidades destacadas nesta data é Parada de Sil, concello ourensán que conta con destacados soutos, con grandes castiñeiros. Un equipo do programa participará na 12 edición da Andaina da Castaña para Cativos, unha ruta de 3,5 quilómetros que percorre os castiñeiros das Carriozas e onde se aprenden todas as peculiaridades sobre estas árbores milenarias e o seu froito.

Pero, sen dúbida, os magostos máis numerosos e con máis tradición de Galicia teñen lugar na cidade de Ourense. 'O mellor magosto do mundo' visitará o Monte Alegre, onde se xunta a xente máis nova para facer as súas cacharelas e celebralo desde mañá á noite. Recalará tamén no parque do Barbaña, onde se reúnen milleiros de veciños para vivir un dos acontecementos máis importantes da cidade, e nos barrios do Couto, A Ponte ou Barrocás.

No apartado musical, o grupo Os Melidaos, desde Palas de Rei, será o encargado de amenizar o espazo cos seus sons tradicionais.

ler máis

O escritor, empresario e influencer fisterrán Anxo Pérez demostrará en "Pasaporte Galego" que case todo na vida depende da actitude e do positivismo

12/11/2018

Vive en Madrid e, malia ser moi novo, ten un currículo sorprendente e viaxa por todo o mundo dando conferencias sobre o éxito persoal e profesional

O escritor, empresario e influencer fisterrán Anxo Pérez demostrará en "Pasaporte Galego" que case todo na vida depende da actitude e do positivismo

Santiago, 12.11.2018.-    O programa “Pasaporte Galego” (23.15 h.) atoparase este luns con Anxo Pérez, escritor, empresario e influencer fisterrán, que desde Galicia fai patria polo mundo. Anxo fala 9 idiomas, foi intérprete para o FBI, traballou na ONU e ata con Obama e é o creador de “8 Belts”, método para aprender un idioma en menos de oito meses.

Anxo Pérez vive en Madrid e viaxa por todo o mundo dando conferencias sobre o éxito persoal e profesional. Publicou varios libros, algúns dos cales xa van pola súa vixésima edición.

Malia ser moi novo, ten un currículo sorprendente e hoxe demostraralles a Isabel Blanco e aos espectadores do programa que todo é posible e que case todo na vida depende da actitude e do positivismo.

ler máis

A CRTVG busca unha nova melodía para o Nadal galego

12/11/2018

As persoas interesadas en participar na cuarta edición do concurso “Este Nadal Canta con Nós” teñen de prazo desde hoxe ata o próximo 10 de decembro

Os temas, en galego e de temática libre, enviaranse en formato mp3 ou mp4 ao enderezo canciondonadal2018@crtvg.es

A CRTVG busca unha nova melodía para o Nadal galego

Santiago, 12.11.2018.-  A CRTVG abre desde hoxe unha nova convocatoria para poñerlle unha nova melodía ao Nadal galego. O ente público galego dispón desde hoxe un prazo de presentación de cancións que estará aberto ata o próximo 10 de decembro.

A cuarta edición do certame “Este Nadal Canta con Nós” ponse hoxe en marcha coa idea de atopar a mellor banda sonora para acompañar aos galegos este Nadal e, para iso, as cancións deben de ser inéditas e orixinais, ademais de estar escritas en lingua galega.

O premio conta cunha dotación económica de 1.000 euros e, para dilucidar o gañador, o xurado valorará a orixinalidade, a calidade técnica e o acompañamento dun vídeo musical. Ademais do premio, a canción gañadora terá difusión na televisión e na radio públicas, así como nas redes sociais.

Cada concursante presentará un só tema, cunha duración non superior aos 4 minutos e poderá enviar un vídeo musical do mesmo. Os participantes enviarán as súas cancións, de temática libre, en formato mp3 ou mp4, en caso de presentar un vídeo musical, ao enderezo canciondonadal2018@crtvg.es.

O gañador cederalle á CRTVG o dereito de reprodución e de comunicación pública da súa canción. Pola súa parte, o xurado estará composto por 6 persoas designadas pola dirección da Corporación Radio e Televisión de Galicia. Farase público o vencedor o 13 de decembro na web www.crtvg.gal, onde tamén se poden consultar as bases.

Esta é a cuarta edición do concurso musical, que anteriormente gañaron os nenos do CEIP San Clemente de Caldas de Reis, coa súa proposta “Cando é Nadal”; Iván Vale, coa canción “O meu Nadal perfecto”, e Plan Siberia, con “Xunto a ti”.

ler máis

Novo caso de asasinato en 'Serramoura': Marga e Roi investigan a dobre vida que levaba Maroto

11/11/2018

Santos trae á vila o seu mestre, un afamado ladrón, que agochou nos montes un cuantioso botín

Novo caso de asasinato en 'Serramoura': Marga e Roi investigan a dobre vida que levaba Maroto

Santiago, 11.11.2018.- No cuartel de 'Serramoura' (22.15 h.) non tardan hoxe en recibir o aviso da desaparición de Maroto. Sen un minuto que perder, Tomás encarga a investigación aos sarxentos Neira e Quiroga. Pero no momento en que comezan co caso, Quique recibe a chamada de Patri informando de que o corpo de Maroto apareceu no vertedoiro. Todo apunta a que hai un novo caso de asasinato na vila.

Pouco a pouco, Marga e Roi descobren a dobre vida que levaba Maroto e que rematará coa chegada da Policía Nacional a Serramoura para levar o caso. Serán quen de traballar xuntos?

Por outra parte, Santos trouxo a Serramoura o seu mestre, un afamado ladrón que acaba de saír de prisión e que agochou nos montes da vila un botín de varios millóns. O obxectivo de Santos é facerse cos cartos e para iso ten que conseguir que o seu mentor lle diga a situación exacta exacta, o que non vai ser doado.

ler máis

Os artistas Blas Cantó e Natasia Zürcher presentan esta noite en "Bamboleo" os seus novos discos

10/11/2018

A actuación da orquestra Israel e as seccións habituais do programa (22.05 h.) completarán unha velada conducida por Lucía Regueiro

Os artistas Blas Cantó e Natasia Zürcher presentan esta noite en "Bamboleo" os seus novos discos

Santiago, 10.11.2018.-   “Bamboleo” trae este sábado un espectáculo cheo de marcha e chega disposto a levantar do asento todo o persoal. A orquestra Israel encherá o estudio de ritmos quentes, unha ledicia para o corpo dos máis bailadores.

O artista convidado desta semana será o gran Blas Cantó, que presentará o seu disco “Complicado” no espazo presentado por Lucía Regueiro. Compartirá cos espectadores da TVG as súas vivencias máis divertidas e a súa especial forma de ser, sempre amable, sempre implicado.

A cantante galego-suíza Nastasia Zürcher presentará tamén en “Bamboleo” o seu novo disco, ofrecendo un aperitivo deste gran traballo co que quere amosar dez formas distintas de mover o corpo.
    
No apartado de baile, Nuno e Nagyla, especialistas en kizomba, farán unha impresionante exhibición ao principio do programa, mentres que Eva Lede traerá unha novidade importante: un impresionante número de pole dance.
    
Ademais, os concursantes de “A Jrileira” terán que afinar voces para entoar e  acertar intérpretes de cancións. A parte máis divertida para os espectadores chegará coa “ITV do amor”, unha auténtica sexy thing.

ler máis

O "Aquí Galicia" participa do gran magosto da Pobra de Trives

10/11/2018

Amais de degustarse castañas e chourizos, como protagonistas desta festa, no espazo de hoxe (16.05 h.) coñecerase a súa contorna, algunhas iniciativas empresariais destacadas e a música da zona

O "Aquí Galicia" participa do gran magosto da Pobra de Trives

Santiago, 10.11.2018.- O equipo do “Aquí Galicia”, con Lucía Rodríguez, Bernardo Montaña e Juan Fuentes á fronte, desprázase hoxe á Pobra de Trives para facer partícipes os espectadores da gran festa do magosto que organiza o concello desta localidade ourensá, onde, ademais de seren protagonistas as castañas e os chourizos, hai moitas actividades preparadas.

Desde o patio de biblioteca e museo de santa Leonor, coñecerase a destacada contorna da zona cunha ruta ata os miradoiros de Pena Folenche e Navea, o souto de Vilanova ou o castiñeiro de Pombairiños. Realizará tamén unha visita polos lugares máis destacados do seu patrimonio coma o antigo Casino, a Casa Grande, a Torre do Reloxo e a ponte romana. Seguindo de turismo, o “Aquí Galicia” descubrirá as casas de turismo rural que hai dispoñibles en Trives e as instalacións da estación de montaña de Cabeza de Manzaneda, a punto de abrir ao público na próxima ponte da Constitución.

Aproveitarase a estadía na Pobra de Trives para coñecer a iniciativa da comunidade de montes de Covas, unha gandería en extensivo que conta cunhas 140 vacas, así como unha empresa de produtos cárnicos para desvelar os segredos das carnes de montaña.

Nesta achega aos tesouros de Trives non poderá faltar tamén unha visita ás adegas para falar da súa viticultura e outra a un apicultor para degustar o mel da zona.

No apartado gastronómico, o espazo contará cunha mostra de sobremesas e doces típicos, como as bicas, e haberá un menú degustación que ten a castaña como elemento principal.

As propostas musicais da cantante Sabela, da banda de gaitas Os Trintas, das pandeireteiras As Macizas Centrais, do folión Os Labregos, do grupo de canto de taberna A Esmorga e unha exhibición de baile moderno e latino, completan os contidos da presente edición.

ler máis