CRTVG

Buscar

CRTVG viva

Outono de series na TVG, que estreará proximamente "Serramoura", "Casa Manola" e a segunda temporada de "O Faro"

21/09/2014

O concurso de novos talentos do humor “Os Aspirantes”, as historias singulares de “Somos Ben Curiosos” e as vivendas máis espectaculares e orixinais de Galicia, da man do programa “Que Casas!”, son outras das novas apostas

Os espazos “A Casa da Conexa”, “Galegos no Mundo” e “Na Nosa Nube” comezan a semana que vén nova temporada

Outono de series na TVG, que estreará proximamente "Serramoura", "Casa Manola" e a segunda temporada de "O Faro"

Santiago, 21.09.2014.-   Suspense, comedia, entretemento, humor, curiosidades e novos talentos son os piares básicos da programación que a Televisión de Galicia deseñou para este outono, en que as series serán as auténticas protagonistas da grella.

Proximamente estrearase, en horario nocturno de máxima audiencia, “Serramoura”, unha ficción que nace coa intención de ser outro grande éxito da canle autonómica galega. Realizada por Voz Audiovisual -responsable de éxitos de audiencia como “Padre Casares” ou “Matalobos”- e ambientada no mundo da madeira, levará os espectadores por algunhas das paraxes forestais máis belas, amosando a Galicia máis verde, pero tamén a máis misteriosa.

“Serramoura” conta a historia dunha pequena e tranquila vila do interior, que vive da explotación dos seus recursos madeireiros e en que dúas familias, os Soutelo e os Fiuza, loitan polo control do negocio. Este escenario recoñecible verase bruscamente alterado ao aparecer morta, brutalmente asasinada, unha das súas veciñas. Lucía Regueiro, Miguel Ángel Blanco, Antonio Mourelos, Alfonso Agra, Isabel Naveira, Xavier Deive, Uxía Blanco e Sabela Arán son algúns dos actores que darán vida aos personaxes da serie.

O contrapunto cómico porao “Casa Manola”, unha comedia costumista que se desenvolve nunha pequena vila da xeografía galega. Esta nova serie narra as peripecias de Nacho (Víctor Mosqueira), que, xunto coa súa muller Vero (Isabel Blanco), despois de quedar sen traballo na cidade, ten que volver á súa vila natal para vivir na casa da súa nai, Manola  (María Costas). Esta, que vive co seu irmán Barrantes (Evaristo Calvo), reformara a casa herdada de seus pais cunha subvención pública, co compromiso de convertela nun negocio de turismo rural, algo que nunca fixo. Agora terá que aloxar o hóspede máis querido e o máis odiado, o fillo e a nora, respectivamente. Entre todos, a casa de turismo rural comezará a funcionar.

Ademais, o outono da Galega trae boas noticias para os seguidores da serie “O Faro”, xa que esta ficción, que se converteu nun éxito de audiencia nas sobremesas da TVG durante a súa primeira temporada, iniciará a partir do mes de outubro unha nova andaina, retomando os conflitos entre as familias Muñoz e Peña.

Seis meses despois do punto en que quedou a trama, os espectadores descubrirán que, contrariamente ao que podía parecer, o restaurante “O Faro” segue a ser un negocio en crise. Tamén saberán que pasou entre Ricardo e Lucía, se é xa unha historia de amor morta ou, grazas ao empeño de Ricardo por recuperala, aínda pode ter futuro. Na nova temporada da serie cobrará especial importancia o personaxe de Carme, que amosará unha cara sorprendente e non será nin a que agardaban os seus fillos nin o espectador. Outras incógnitas que se resolverán son que pasou con Rosa, con Santiago e con Iolanda e Manuel. “O Faro” tamén contará desta volta con novos personaxes, coa irrupción destacada dunha persoa que porá patas arriba o mundo de Lidia.

A TVG tamén está a preparar para a nova temporada unha secuela da serie “Libro de Familia”, unha das máis lonxevas da historia da canle autonómica. Tres dos seus personaxes, Cosme, Sara e o fillo pequeno desta, que ao final da serie abandonaran Santalla, son agora reclamados por Marisiña, antiga empregada dos Cabanas, para servir con ela nun pazo onde vive unha acomodada familia. O proxecto, que está en fase de preprodución, levará o nome de “Pazo de Familia”.

Novos programas

No mes de outubro tamén chegará á pantalla da Televisión de Galicia o concurso de talentos “Os Aspirantes”, que é ao mesmo tempo un programa de entretemento e unha canteira de novos rostros televisivos. En cada edición do programa, os espectadores asistirán ao reto de oito cómicos noveles que, da man de expertos e consagrados profesionais, irán superando divertidos retos e perfeccionando as súas habilidades. O humorista e showman Roberto Vilar asume as rendas deste novo formato, sen renunciar a formar parte activa das probas, de tal xeito que “Os Aspirantes” terán o enorme privilexio de aprender do gran mestre.

Por outro lado, a audiencia descubrirá este outono que os galegos “Somos Ben Curiosos”, nome dun programa que será presentado por Marta Doviro, condutora dunha viaxe en que atopará diversas persoas e grupos. Hai dous xeitos de estar no mundo: dando as cousas por sabidas ou ben desde a ollada curiosa de quen se pregunta como somos e como e por que funciona todo canto nos rodea. “Somos Ben Curiosos” mira o mundo deste segundo xeito. As opinións e reaccións espontáneas da xente da rúa irá puntuando un relato tinguido sempre dese sentido do humor tan propio do noso país.

Ademais, a TVG entrará nas casas máis fascinantes, singulares e orixinais de Galicia da man dos seus propietarios co programa “Que Casas!”, que, desde a costa ao interior, visitará vivendas espectaculares e coñecerá un pouco máis o xeito de viviren dos galegos e galegas. Ademais de amosar elementos arquitectónicos, decorativos ou mesmo as contornas urbanas ou naturais das propias casas, no programa falarase de hábitos de vida, de costumes e de afeccións.

Antes de que cheguen á grella estas novas apostas, a TVG daralle a vindeira semana a benvida ao outono estreando novas temporadas do programa de humor “A Casa da Conexa”, que aterra na noite dos mércores con Mucha e Nucha dispostas a arrancar novamente as gargalladas dos espectadores; do espazo “Galegos no Mundo”, que coñecerá as historias de compatriotas en novos e atractivos destinos; e do programa “Na Nosa Nube”, con Silvia Jato como mestra de cerimonias dunha velada, a dos xoves, que se converterá nunha xuntanza optimista e leda de persoas con vidas moi diferentes.

 

Na foto superior, Lucía Regueiro e Alfonso Agra, dous dos integrantes do elenco de "Serramoura"

Galería de imaxes