CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'Os templos da caza' ofrece un percorrido gastronómico por Galicia e amosa como tirar partido de carnes como o coello ou o xabaríl

04/12/2018

As reporteiras do programa tamén descubrirán unha chea de deliciosas receitas con perdiz, lebre, corzo, faisán ou paspallás

'Os templos da caza' ofrece un percorrido gastronómico por Galicia e amosa como tirar partido de carnes como o coello ou o xabaríl

Santiago, 04.12.2018.- A Televisión de Galicia achégase esta noite a un dos sabores característicos do outono, a carne de caza. A través dun programa monográfico percorrerá algúns dos mellores establecementos galegos en que se traballa o produto.

“Os templos da caza” visita locais das catro provincias e sae á rúa para coñecer como se cociñan nos fogares galegos carnes como o coello ou o xabaril. Ademais, as reporteiras do programa descubrirán unha chea de deliciosas receitas con perdiz, lebre, corzo, faisán ou paspallás.

Para comezar, Belén Rivero visitará o restaurante España, na cidade de Lugo, onde conversará con Héctor sobre as marabillas que prepara para os seus clientes. A continuación, Raquel Pérez achegarase ao concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade para pasar unha xornada en Casa Inés. Este bar centenario ofrece todos os días un xabaril e un corzo que fan as delicias de comensais chegados de toda Galicia.

Pola súa banda, Raquel Castro viaxará a Rodeiro para participar na elaboración dun menú de caza ben completo. Alba, de Casa Achacán, preparará uns entrantes de escándalo, mentres que, en Casa Sánchez, Álvaro explicaralles aos espectadores cales son os mellores viños e sobremesas para acompañar a caza.

As cámaras de "Os templos da caza" tamén estarán no restaurante Don Quijote, de Santiago de Compostela. Neste santuario das carnes de caza, Manolo e a súa muller son imprescindibles para que todo funcione perfectamente. Na cidade da Coruña, Juan Mato, do restaurante Artabria, encargado de organizar unhas xornadas gastronómicas, daralles aos espectadores toda unha lección de cociña de caza.

E como non podería ser doutra maneira, a provincia de Ourense terá un espazo preferente no espazo que a Televisión de Galicia emite esta noite. As reporteiras irán ao concello de Lobios para pasar un día con Javier e a súa familia. Son os artífices do famoso Lusitano, un verdadeiro templo da caza, en que a tradición e a paixón pola cociña dan un resultado excelente.