CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os programas da TVG empápanse de festa e tradicións para celebrar cos espectadores os días grandes do Entroido

09/02/2018

Amosarán como se vive a chegada de don Carnal ás distintas localidades galegas, así como os ingredientes que converten o Entroido galego no máis singular

Como broche, o Martes de Entroido á noite a Galega ofrecerá un especial que recollerá como se viviron os principais desfiles e costumes tradicionais en Galicia

Os programas da TVG empápanse de festa e tradicións para celebrar cos espectadores os días grandes do Entroido

Santiago, 09.02.2018.-  Televisión de Galicia celebrará cos espectadores os días grandes do Entroido. Aínda que os distintos programas e informativos foron dando conta estas semanas da chegada de don Carnal ás localidades galegas, desde hoxe a canle pública realizará un seguimento polo miúdo ao longo da súa variada programación.

Un programa que vivirá a fondo o Entroido será 'Luar', cunha entrega moi festiva en que non faltarán máscaras, folións e disfraces. Amais, desenvolverase un Concurso de Comparsas, en que o gañador terá un premio de 1.000 euros.

O magazine 'Aquí Galicia' aterrará este sábado, en directo, na localidade de Pontevedra para contar todas as peculiaridades do seu tradicional Entroido e, a semana seguinte, coñecerá o popular Entroido Pequeno de Cambre.

Hai variados carnavais de sona como o do Brasil, o das Canarias, Venecia ou Cádiz, pero en Galicia celébrase o máis singular. Por iso, 'Vivir Aquí' amosará este luns todos os ingredientes que converten o galego no Entroido máis peculiar. O programa afondará na preparación das máscaras, as danzas, os traxes, as tradicións herdadas de pais a fillos, as comidas típicas e os elementos curiosos que son protagonistas en cada localidade, como as formigas e os farrapos.

Co arrecendo a cocido e filloas penetrando por todas as rúas galegas, os 'Larpeiros' poranse mans nos fogóns para preparar o martes un menú á altura dos manxares que se xantan nesta época. Así, o equipo do programa cociñará unha empanada de mexillóns e cogomelos, lacón con grelos, canelóns de cocido, filloas recheas de grelos, arroz con androlla e, de sobremesa, unhas filloas de chocolate.

Cómpre salientar o especial 'Martes de Entroido' que a TVG ofrecerá tamén pola noite. Con el, os espectadores percorrerán os diferentes lugares onde se celebra a fin de semana grande do Entroido en Galicia. Desfiles e costumes tradicionais, como os Peliqueiros de Laza, os Felos de Maceda ou os Cigarróns de Verín. Visitará outros desfiles máis urbanos como o de Pontevedra e o de Marín. Así mesmo, pasará pola cidade de Vigo, onde amosará a tradición recuperada dos Merdeiros e a volta dos Volantes en Chantada. E, como non, moverase tamén polo rural co desfile de Teo e estará na Estrada cos Xenerais do Ulla.

O espazo 'A Revista' tamén vive o Entroido

Os diferentes espazos informativos da TVG están cubrindo desde hai semanas os principais eventos do 'Entroido' galego que, sobre todo, deu comezo nas provincias de Lugo e Ourense. Unha cobertura que se estenderá aos días grandes do Entroido, que se vive en toda Galicia ata o Enterro da Sardiña.

En concreto, o magazine diario matinal 'A Revista' ten previsto estar en directo os próximos días nun desfile infantil en Xinzo de Limia e no CEIP de Sigüeiro (día 9), no Luns Borralleiro de Laza e nas Madamas e Galáns de Cobres (12), no Martes de Mázcaras de Xironda e na Voda da Pita de Eiroás, ambas as dúas en Ourense (13), e no Enterro do Meco de Muros (14). No estudio tamén terán a diario como convidados os distintos protagonistas de cada localidade, como madamas e galáns de Cobres, o oso e o criado de Salcedo, volantes e peliqueiros ou maragatos de Chantada e xenerais do Ulla.