CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os oito concursantes seleccionados a semana pasada disputarán esta noite a segunda xornada de 'A Liga dos Cantantes Extraordinarios'

09/07/2020

O programa presentado por Paco Lodeiro contará tamén coa presenza de Miguel Torres e de César Romero, concursante da primeira edición

Os oito concursantes seleccionados a semana pasada disputarán esta noite a segunda xornada de 'A Liga dos Cantantes Extraordinarios'

Santiago, 09.07.2020.- Este xoves dispútase na TVG a segunda xornada de ‘A Liga dos Cantantes Extaordinarios’ (22.35 h), concurso que este verán buscará novamente nas voces da verbena galega aquela capaz de convencer a público de todas as idades e gustos.

Despois da primeira gala da semana pasada, que contou coa participación de 16 concursantes, foron 8 os seleccionados polo xurado, integrado por Pili Pampín, Lito da Panorama, Lucía Pérez e Mon e Ula, integrantes de Monoulious Dop.

Así pois, os aspirantes que disputarán esta noite a competición serán Iván Rodríguez (New York), Alba Navarro (Los Satélites), Yennia (La Fórmula), Irene Iglesias (Panorama), Nakary (Olympus), Monia Borges (Marbella), Danni Lamas (Kubo) e Fran Castellanos (Saudade).

Pero non serán estas as únicas actuacións da noite, xa que o programa presentado por Paco Lodeiro contará tamén coa presenza como convidados dun mítico, Miguel Torres, e de César Romero, concursante da primeira edición, que porá a proba e colaborará cos aspirantes deste ano.

Cada programa de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ terá un gañador e o que consiga gañar tres terá un pase de ouro e irá directo á gran final, que  determinará cal é o/a cantante que tomará o relevo de Alejandra Pais, gañadora da primeira edición.

Así pois, o deste xoves será un novo programa cargado de emoción e humor, con varias novidades competitivas este ano: un duelo de entrada entre dous concursantes que loitarán por un oco no sofá dos elixidos e dous popurrí de grupo cos que os ‘cantantes extraordinarios’ poderán sumar cinco puntos extra, dúas probas que manterán a emoción ata o final. Todo pode cambiar, tamén co voto do público que gozará do show desde o estudio de gravación.