CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os membros do 'Larpeiros Social Club' bótanse ao monte para atopar algúns dos seus tesouros máis prezados

18/02/2020

Na cociña, prepararán un arroz de cogomelos, un milfollas de xamón e unha torta de mazá

Os membros do 'Larpeiros Social Club' bótanse ao monte para atopar algúns dos seus tesouros máis prezados

Santiago, 18.02.2020.-  No ‘Larpeiros Social Club’ (22.25 h) vanse botar hoxe ao monte para atopar, de mans dun experto, algúns dos seus tesouros máis prezados. Adrián será o encargado de viaxar ata O Bioco, en Pontevedra, para ir de excursión co micólogo Juan Castiñeira, con quen aprenderá a apañar cogomelos.

En Galicia non se lle fixo moito caso aos fungos ata hai pouco, pero a cousa foi cambiando e agora valoramos cada vez máis este manxar dos nosos bosques. Con eles, no club dos ‘Larpeiros’ prepararán un arroz repleto de sabores e recendos, e de paso, grazas á sabedoría de Carlos Parra e á axuda de Leni, aprenderán a sacarlles partido a estes cogomelos, que son tan galegos como os grelos. E, de aperitivo, cociñarán un milfollas de xamón, cogomelos e queixo, perfecto para ir abrindo boca.
    
O asunto das mazás quedará resolto grazas a Merchi porque se algo nos gusta aos galegos é comer e cociñar co froito das maceiras. A ‘larpeira’ máis doce fará unha torta cunha gran variedade de mazás e ao seu carón estarán Lola e Manolo. Coma sempre, na reunión desta semana non faltarán música, festa e pequenos petiscos.