CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os medios públicos propoñen unha variada oferta de fútbol, voleibol, hóckey e rally, esta fin de semana

10/11/2017

Destacan os derbis Celta B-Coruxo, o San Sadurniño-Boiro e o partido no cumio da OK Liga, que enfrontará o Barcelona co Liceo

Lugo-Numancia e Obradoiro-Gran Canaria, partidos sobresaíntes na Radio Galega

 

 

Os medios públicos propoñen unha variada oferta de fútbol, voleibol, hóckey e rally, esta fin de semana

Santiago, 10.11.2017.- Os medios públicos volven, unha fin de semana, máis a comprometerse co deporte galego. Os espectadores poderán seguir en directo, a través da tvG2, da Radio Galega e da web da CRTVG, un amplo abano de disciplinas deportivas, entre elas, fútbol, voleibol e hóckey.

As transmisións comezan o sábado, ás 16.30 horas, co partido de fútbol de 2ªB que disputarán o Cerceda e o Real Madrid Castela. A continuación, ás 18.30 horas, ofrecerase o derbi de alta tensión entre o Intesa San Sadurniño e o Rotugal Boiro de voleibol (tvG2 e web), situados no 4º e 5º posto da clasificación da Superliga masculina 2, respectivamente.

Ás 20.00 h., os medios autonómicos (tvG2, Radio Galega e web) ofrecerán un novo partido no cumio da OK Liga de hóckey, o Barcelona-Liceo. Os coruñeses, conducidos por Juan Copa como adestrador, deberán superar unha dura proba no Palau, xa que chegan nesta sétima xornada sendo líderes por diferencia de goles, empatados a 18 puntos co equipo blaugrana.

O fútbol regresa en directo na xornada dominical, nunha edición matinal de 'A Liga das Cidades', ás 12.00 horas. Nesta entrega poderase seguir o derbi vigués Celta B-Coruxo, así como o Toledo-Rácing de Ferrol. A partir das 16.30 horas, este espazo deportivo estará co Pontevedra-Navalcarnero e co Rápido de Bouzas-Raio Majadahonda.

Pola súa parte, no programa 'A Todo Rally' ofrecerase o 23 Rally La Nucia Mediterráneo Trofeo Costa Blanca, en que o flamante campión de España de Rallys 2017, o galego Iván Ares, estreou o seu título cunha nova vitoria co seu Hyundai i20 R5. Ares e o seu copiloto Xosé Pintor fixéronse co título con dúas probas aínda por disputar. A tvG2 achegará esta competición, puntuable para o Campionato de España e na que participaron 80 vehículos, este domingo, a partir das 21.30 h.

A maiores pola web da CRTVG, o domingo ofrecerase, ás 12.45 h., a 14 edición do Cross Internacional de Atapuerca (Burgos), unha competición de campo a través que se desenvolve para promover os Xacementos da Serra de Atapuerca, declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Os partidos do Lugo e do Obradoiro, destacado na Radio Galega

Radio Galega comeza o sábado, ás 16.05 h., o 'Galicia en Goles' da Liga. Os partidos Barça-Liceo de hóckey a patíns e Cerceda-Castela de fútbol protagonizan a primeira parte do programa. Logo chegará o Obradoiro-Gran Canaria de baloncesto, xunto ao Zamora-Cangas e o Teucro-Benidorm de balonmán masculino, sen perder detalle do Porriño-Valladolid da Liga feminina. Durante a tarde, o equipo deportivo da Radio Galega tamén prestará atención ao Pontevedra-Santiago de Compostela, de fútbol xuvenil.

O domingo pola mañá, desde as 12.00 h., o fútbol protagonizará a sesión matinal. Celta B-Coruxo, Adarve-Fabril, Toledo-Rácing de Ferrol, Ourense CF-Compostela, Silva-Ribadumia e o Dépor-Celta de xuvenís configuran o calendario de partidos. Desde as 16.00 h., o programa estará centrado no Lugo-Numancia de Segunda División, xunto ao Bouzas-Majadahonda e Pontevedra-Navalcarnero de Segunda B e oito encontros da Terceira.

Desde as oito e media do serán, o 'Galicia en Goles' abrirá os micrófonos do Faladoiro, coa presenza do adestrador do Bouzas, Borja Jiménez, que estará acompañado polos analistas Xulio Vázquez e Peli Cantoná.