CRTVG viva
Os medios públicos porán toda a súa atención na posible vitoria e festexos do Deportivo na Coruña
A Radio Galega ofrecerá en directo este sábado o partido dos brancos e azuis e terá tamén un dispositivo preparado para cubrir a celebración, se os resultados son favorables
A tvG2 e a web da CRTVG retransmitirán amais o S.D. Eibar- C.D. Lugo e o Pontevedra- Atlético Granadilla, en fase de ascenso

Santiago, 30.05.2014.- Os medios públicos galegos dirixirán toda a súa atención cara a Riazor, nunha xornada crucial para o Deportivo, que volve xogarse esta fin de semana o posible regreso á Primeira División. Se os resultados son favorables para os brancos e azuis, as cámaras e os micros da tvG2 e da Radio Galega serán partícipes da festa que se viva na Coruña durante a xornada con programas especiais.
Pola súa parte, a Radio Galega ten preparado este sábado un amplo despregamento técnico e humano para contar desde as cinco da tarde o partido que pode dar o ascenso matemático á máxima categoría do fútbol español ao Deportivo da Coruña. O programa que dirixe Xoán Galán transmitirá este encontro da penúltima xornada de Segunda División A ante o Real Jaén. No estadio estarán Andrés Vieites, Javi Torres, Gonzalo Soto e o analista Xosé Manuel Traba. En canto remate a xornada e se os resultados propician o ascenso comezará a festa, que se prolongará na Radio Galega ata a media noite.
Na fonte de Catro Camiños estará preparada unha unidade móbil da emisora pública con Miguel Lameiro ao fronte, mentres que Xosé Antón Parada e Xerardo Rodríguez contarán desde diversos puntos da cidade herculina as celebracións dos seareiros.
Se se produce o ascenso, o programa “Galicia en Goles” do domingo terá uns contidos especiais, desde as 16.00 horas. Tamén o luns, Radio Galega Música, a través dunha emisión especial, recollerá a celebración oficial, coa ofrenda á patroa e a visita ao Concello, con micrófonos en todos os puntos, para recoller os discursos e as anécdotas, que seguro vai xerar o evento deportivo.
Tras as últimas cinco xornadas sen gañar, os brancos e azuis teñen unha oportunidade fantástica de volver á Primeira División, só con acadar un punto. O conxunto buscará a vitoria para brindarlla a unha afección entregada durante toda a temporada.
Outras transmisións na tvG2 e na web da CRTVG
O sábado, na tvG2 e na web da CRTVG, os afeccionados ao fútbol poderán ver o encontro da Liga Adelante Eibar-Lugo (19.00 horas), cos vascos xa ascendidos á Primeira División, mentres que aos lucenses fáltalles un punto para asegurar a continuidade na categoría.
Dentro do tempo do programa “Liga das Cidades”, que presenta Óscar Benito, os medios públicos galegos tamén estarán en vivo este domingo, ás 20.00 horas, na segunda rolda da fase de ascenso a Segunda B, do Pontevedra co Atlético Granadilla.
Como sempre, ás 22.30 horas, a tvG2 ofrecerá un resumo de toda a xornada no programa “En Xogo”, presentado por Óscar Benito.
Cómpre salientar que os amantes do ciclismo poderán seguir gozando o sábado e o domingo do Giro de Italia, coas transmisións da vixésima e da vixésimo primeira etapa, respectivamente, á sobremesa e en directo.
A maiores, a web da CRTVG (www.crtvg.es/deportes) ofrecerá o sábado, ás 21.00 horas, o segundo partido da rolda de eliminatoria dos cuartos de final polo título da Liga Endesa, entre Laboral Kutxa e Barcelona.