CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os medios públicos galegos poñen en marcha unha programación especial arredor das Letras Galegas

30/04/2019

A Radio Galega afondará na figura e a obra de Antonio Fraguas con entrevistas en profundidade, a primeira este mércores ás 10.30 h. co presidente da RAG, Víctor F. Freixanes

A emisora pública recuperará ao longo do mes do seu arquivo os abundantes audios que conserva e que permitirán escoitar a voz do autor homenaxeado

A TVG prepara tamén contidos específicos para este mes, con cortinas dedicadas a Fraguas na súa progra

Os medios públicos galegos poñen en marcha unha programación especial arredor das Letras Galegas

Santiago, 30.04.2019.-    Comeza o Mes das Letras na CRTVG, que a partir deste mércores afondará na figura e a obra de Antonio Fraguas e no seu labor de investigación etnográfica e de divulgación da cultura popular galega e recuperará fondos documentais do seu arquivo. A primeira achega será o propio 1 de maio cunha entrevista ás 10.30 h. na Radio Galega co presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, sobre o autor homenaxeado no Día das Letras deste ano.

Este mesmo día porase en marcha a emisión de teatralizacións sobre a vida e obra de Antonio Fraguas e contos que relatou no seu día cando era colaborador da Radio Galega. Tamén se recuperarán os abundantes audios que conserva o arquivo da RG do autor e escoitaranse fragmentos da súa obra, así como reflexións doutros persoeiros da cultura sobre a súa figura.

Ademais, realizaranse entrevistas en profundidade a persoeiros coñecedores da súa vida e obra que serán emitidas na radio en diversos días dentro do ‘Diario Cultural’ e postas a disposición pública na web diariocultural.gal. Entre outros, ao longo deste mes, falarase coa biógrafa Malores Villanueva; co presidente da Fundación Antonio Fraguas, Justo Beramendi; co historiador Adolfo de Abel Vilela; co director do Museo do Pobo Galego, Clodio González, e co antropólogo Xosé Manuel González Reboredo, bo coñecedor da súa obra.

O día 17 de maio, o ‘Diario Cultural’ mudará a súa estrutura e sairá dos estudios para facer a edición da mañá desde Cotobade, vila natal de Antón Fraguas, onde a Real Academia Galega celebrará os seus actos conmemorativos. E a edición da tarde deste programa duplicará o seu tempo a unha hora para realizar o programa desde o Museo do Pobo Galego en Santiago, institución da que foi director.

Especial 'Zigzag', o 17 de maio na TVG

Pola súa parte, durante os vindeiros días a Televisión de Galicia emitirá ao longo da súa programación diversas cortinas en homenaxe a Antón Fraguas. Os informativos e programas culturais darán conta dos diversos actos conmemorativos, publicacións e divulgación da obra e vida de Fraguas.

O día 17 de maio ofrecerase un especial monográfico de ‘Zigzag’ desde o Museo do Pobo Galego, en que contará con diversos expertos, analizará a súa figura e recuperará imaxes de arquivo que conserva a TVG sobre o autor. Programas especiais arredor da nosa lingua e estreas de cine galego completarán as propostas neste Mes das Letras.

Ademais, a CRTVG empregará a súa web e redes sociais como outra fonte divulgadora e reunirá toda a información e as achegas realizadas para poñer a disposición dos usuarios pezas e programas de radio e televisión pensando no seu uso educativo. E, ao igual que o ano pasado, a CRTVG tamén creará unha web dedicada á figura do homenaxeado, que estará aloxada dentro da sección de RSC, #AcciónsG.