CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os medios públicos galegos inician a cobertura da campaña electoral autonómica

04/10/2012

Contemplan a emisión de entrevistas, debates, espazos gratuítos, bloques informativos diarios e un seguimento especial na xornada de eleccións

Na páxina web do ente autonómico, crtvg.es, habilitouse unha sección específica, ademais de ofrecer información diaria e os resultados do 21-O en tempo real

Os medios públicos galegos inician a cobertura da campaña electoral autonómica

Santiago, 04.10.2012.-    Os medios públicos galegos inician hoxe, ás 23.58 horas, a cobertura informativa da campaña electoral que rematará tras a xornada de celebración dos comicios, o próximo 21 de outubro, tal e como recolle o Plan de Cobertura da TVG, da Radio Galega e da CRTVG.es das Eleccións Autonómicas 2012.

O plan define unha serie de criterios xerais que teñen como propósito garantir o respecto durante a campaña electoral dos principios de pluralismo político e social, igualdade, proporcionalidade e neutralidade informativa no labor do ente público. Neste documento, aprobado polo consello de administración da CRTVG, determínase amais a duración das informacións dedicadas a cada formación política, que deberán axustarse proporcionalmente aos resultados obtidos nas últimas eleccións autonómicas, en orde decrecente.

Os espazos destinados a informar sobre o desenvolvemento da campaña electoral diferenciaranse do resto da información xeral cunha cabeceira de apertura e de peche. A cobertura da Televisión de Galicia para as eleccións ao Parlamento de Galicia contempla, nestes quince días, dedicar un bloque de cinco minutos de duración en cada espazo informativo (“Bos Días”, “Telexornal Mediodía” e “Telexornal Serán”), intercalado antes do apartado deportivo, que trasladará exclusivamente as mensaxes efectuadas polas formacións políticas. Por outra parte, emitiranse tamén espazos gratuítos de propaganda electoral para aqueles partidos, federacións e coalicións que presenten candidatura, polo menos, en tres circunscricións electorais da comunidade autónoma.

O programa de apertura de campaña, esta noite, ás 23.58 h., terá unha duración total de quince minutos e irá integrado no “Telexornal Noite”. Incluirá información propiamente electoral, con conexións en directo coas localidades nas que as formacións realicen o correspondente acto e achegará datos sobre os comicios. A xornada de peche, o 19 de outubro, no “Telexornal Serán”, faranse conexións en directo cos mitins dos tres grandes partidos, aínda que se achegará esta información dun modo máis extenso nun especial de peche de campaña, ás 23.45 h.

Nestes comicios a TVG celebrará, por primeira vez en Galicia, tres cara a cara, que se desenvolverán en días consecutivos a principios da primeira semana de campaña. Así, o luns día 8 de outubro abrirán o ciclo de debates os candidatos do PPdeG e do PSdeG-PSOE; o martes (día 9), intervirán o aspirante do PSdeG-PSOE e do BNG, e finalmente o mércores (día 10) os protagonistas serán os dous líderes do PPdeG e BNG. Estes debates, de sesenta minutos de duración, ofreceranse tamén en directo a través da Radio Galega. Na última semana de campaña, a canle pública galega ofrecerá entrevistas aos candidatos do PPdG (día 15), do PSdeG-PSOE (día 17) e do BNG (día 18), cunha duración proporcional aos votos obtidos nas anteriores autonómicas. Tanto os debates coma as entrevistas, que se emitirán ás 21.30h, circunscríbense aos partidos con representación parlamentaria.

O 21-O, a TVG realizará adiantos informativos cada hora, desde ás 08.00 ata as 11.00 h. e, pola tarde, ás 18.00 h.; en “A Revista”, ás 13.00 horas, continuará coa rolda de conexións cos colexios electorais das catro provincias galegas para, facilitar no “Telexornal Mediodía” (14.25 h.), os primeiros datos de participación da xornada. O programa especial eleccións dará comezo ás 19.45 horas.

Con relación ás outras canles da Galega, a través da tvG2 emitiranse os programas informativos xerais, mentres que as canles internacionais (Galicia TV América e Galicia TV Europa) difundirán toda a programación da TVG sobre a campaña electoral.

Radio Galega

A Radio Galega tamén ofrecerá espazos gratuítos de propaganda electoralbloques de información electoral diarios, de cinco minutos, en distintos espazos informativos da emisora. Durante os últimos tres días de campaña electoral ofrecerase amais información dos comicios autonómicos do País Vasco.

Os especiais de apertura (23.58 h.) e de peche de campaña (23.45 h.) na Radio Galega desenvólvense desde a mesma hora e coa mesma duración que na TVG.

Pola súa parte, a Radio Galega ofrecerá entrevistas aos candidatos do PPdeG (16 de outubro), do PSdeG-PSOE (día 17) e do BNG (día 18), en horario de mañá, ás 08.30 horas, e realizará ademais entrevistas que emitirá en desconexión local aos cabeza de lista de cada provincia, os días 15, 16 e 17 de outubro, ás 14.15 horas.

Ademais de transmitir en directo os debates electorais, que se desenvolverán na TVG, a emisora pública galega realizará a maiores catro debates, un por cada provincia, de cincuenta e cinco minutos de duración cada un, que se emitirán en desconexión local, o próximo 17 de outubro, dentro do espazo “A Crónica” (21.05 horas).

Na xornada do 21-O, a Radio Galega comezará ás 08.30 horas a programación especial cun programa de corenta minutos. Durante todo o domingo ofreceranse boletíns horarios cada media hora.  “A Crónica das dúas” ampliará a súa duración a unha hora e, a partir das 16.00 horas, só se achegará información cando haxa datos de relevancia, xa que durante a tarde a emisora pública realizará o programa deportivo “Galicia en Goles”.

Tras o peche dos colexios electorais, a Radio Galega comezará a realización dun programa especial, onde terán cabida os datos da sondaxe, as análises de expertos, conexións coas sedes dos partidos políticos e finalmente os resultados e entrevistas aos principais líderes políticos.

crtvg.es

O labor da páxina web da CRTVG, crtvg.es, nesta campaña tamén está recollido no Plan de Cobertura para o 21-O. Con motivo das eleccións ao Parlamento de Galicia, crtvg.es incluirá unha sección especial denominada “Eleccións 21 de outubro”, onde se achegarán todas as noticias emitidas polos espazos informativos da TVG relativas ao proceso electoral.

Na xornada electoral, a web dos medios públicos ofrecerá amais os resultados, cunha infografía específica, en tempo real; estes estarán accesibles desde calquera soporte (móbiles, tabletas...).

Cómpre salientar que a páxina web da CRTVG transmitirá co apoio da linguaxe de signos algúns eventos importantes, coma os debates electorais e as entrevistas aos candidatos dos tres partidos.