CRTVG Viva
Os máis cativos poderán ver en galego ao Rei Julien, Turbo e O Gato con Botas grazas á Televisión de Galicia
A Galega traerá nove series de animación ás pantallas por un acordo coa produtora norteamericana Dreamworks
Está previsto que este paquete de programación infantil de alta calidade comece a emitirse nos meses vindeiros

Santiago 07.07.2015.- Televisión de Galicia renovará o seu cadro de persoal animado. O Xabarín acollerá no seu club, a partir dos meses vindeiros, ás grandes estrelas da factoría norteamericana Dreamworks Animation. Dende as “marchosas” selvas de Madagascar, pasando polo bulebule das rúas dos Ánxeles ou a recóndita cidade de San Lourenzo, os máis cativos da casa poderán gozar dun novo mundo de risas, diversión e aventura.
Todo isto é posible grazas a un acordo de adquisición de dereitos ao que as principais canles públicas españolas, TVE, TVG, TV3 (Cataluña) e ETB (País Vasco) chegaron con Planeta Junior, a encargada de distribuír os contidos de Dreamworks no noso país, para trasladar aos nenos e nenas este paquete de programación de alta calidade.
Entre os novos personaxes da grella infantil da Galega estará Turbo. O caracol máis rápido do mundo é protagonista de “Turbo Fast”, unha comedia chea de acción e risas que narra as aventuras deste rápido caracol de carreiras e dos seus amigos. O coñecido rei lémure do filme “Madagascar” traerá a festa á Televisión de Galicia coa súa serie “Viva ao rei Julien”, en que aparecerán novas personaxes pero sen esquecer a súa man dereita Maurice e o fiel Mort.
E outro personaxe que aterrará na TVG é O Gato con Botas, o fiel compañeiro do ogro Shrek. Experto en leite e grande sedutor, protexerá os indefensos habitantes da cidade de San Lourenzo de malvados de todo tipo. Nada se interporá no seu camiño.
A esta oferta súmase outra estrea, a serie prehistórica “Dinotrux”, baseada nos libros infantís de Chris Gall, onde se verá un mundo de criaturas metade dinosauros metade vehículos de construción. E tamén pasarán pola pantalla os simpáticos “3,2,1 Pingüíns” na aventura galáctica que vivirán cos xemelgos Michelle e Jackson.
Pero a cousa non rematará aquí, as portas do Xabarín estarán abertas para recibir outros moitos personaxes da factoría Dreamworks Animation, que se unirán ao club infantil máis grande e importante de Galicia. (Arriba O Rei Julien xunto ao seu fiel compañeiro Maurice)