CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os "Larpeiros" da TVG decláranse esta semana fans absolutos das vacas e dos alimentos que ofrecen

12/06/2018

Un guiso de carne con pasta e champiñóns e unhas croquetas de chocolate conforman o menú de hoxe (22.10 h.)

Os "Larpeiros" da TVG decláranse esta semana fans absolutos das vacas e dos alimentos que ofrecen

Santiago, 12.06.2018.-    Os “Larpeiros” da TVG manterán esta noite unha animada conversa sobre a que animal lles están máis agradecidos. Hai moitas dúbidas, pero, se falamos dos animais do mar, os elixidos serían as sardiñas e o bacallau. Para animais de terra hai moitos candidatos: o porco, que é fundamental e aproveitáselle todo, e as galiñas. Pero se os “Larpeiros” tivesen que escoller algún quedarían coas vacas, que dan carne, leite, manteiga, queixo...

Para os protagonistas do programa, as vacas galegas son unha bendición, xa que levan centos de anos quitando moita fame e servindo de sustento para milleiros de galegos, que ademais teñen a sorte de contar con cinco razas autóctonas que son a envexa de gandeiros de todo o mundo.

Benigno Campos é un fan declarado da carne de tenreira e hoxe ten pensado preparar con ela unha receita que fará as delicias tanto dos “Larpeiros” máis novos coma dos máis veteranos: guiso de carne con pasta e champiñóns. En lugar de poñer os clásicos fideos, o cociñeiro acompañará a carne con outra pasta diferente: unha desas que teñen forma de caracois.

Ferreira de Pantón será esta semana o destino de Adrián, o “larpeiro” máis viaxeiro, que, da man de Xosé, coñecerá unhas vacas que viven coma raíñas e que non entran na corte nin para ser muxidas. Xosé ten unha sala móbil e moxe as súas vacas no mesmo prado onde se atopan pastando. Adrián terá que traballar como un auténtico gandeiro se quere levarlles aos seus compañeiros un leite á altura da ocasión.

Todo este esforzo terá a súa recompensa cando volva á casa dos “Larpeiros”, xa que alí Adrián atopará unha sorpresa en forma doce: unhas croquetas de chocolate coas que Leni e Celia Cabrera, a cociñeira convidada desta semana, sorprenderán os comensais.