CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os “Larpeiros” afondan hoxe na cría de troitas, un peixe que degustarán recheo duns pementos do piquillo

17/04/2018

De sobremesa, prepararán unhas rosquillas de chocolate e marmelada de béveras

Os “Larpeiros” afondan hoxe na cría de troitas, un peixe que degustarán recheo duns pementos do piquillo

Santiago, 17.04.2018.-  No programa desta semana, os “Larpeiros” (22.00 h.) da TVG lembrarán esas cousas coas que gozaban de pequenos e que hai tempo que non proban. A Leni, por exemplo, gustábanlle moito os ovos e apañar cos seus pais os das galiñas que tiñan na casa. Facíalle moita ilusión comer aqueles ovos que recollera ela mesma. E é que as cousas en que se participa á hora de procuralas ou cociñalas saben moito mellor.

A Adrián pásalle o mesmo coas troitas. De pequeno encantáballe comer as que el mesmo pescaba no río. Ten sona de ser un peixe algo insulso, pero unhas troitas ben preparadiñas teñen o seu encanto. As pequenas fritidas cun pouco de xamón ou as grandes ao forno son un auténtico espectáculo. En empanada, en escabeche, en salsa de améndoas… A verdade é que a troita se presta a case todo.

Nada máis falar de troitas, o mestre Benigno xa terá en mente a receita perfecta para gozar destes peixiños como mandan os libros: pementos do piquillo recheos de troita, unha preparación moi semellante á que leva bacallau ou gambas, pero co toque diferente que lle vai dar o recheo de troita. A sobremesa correrá, coma sempre, a cargo de Merche e Leni, que prepararán unhas rosquillas de chocolate e marmelada de béveras.

Unha vez decidido o menú, Adrián sairá como un lóstrego cara á localidade lucense de Quiroga, onde o estará agardando Silvia para amosarlle todos os segredos do mundo da piscicultura. Á beira do río Lor, descubrirá como se crían unhas troitas de categoría, desde que saen dos ovos ata que chegan aos nosos mercados.